A Feira do Libro de Ourense aposta pola especialización

X. M. R.

OURENSE

Antonio Cortes Santos

O certame, que se inaugura hoxe, remodelouse para potenciar a oferta

04 jun 2013 . Actualizado a las 07:15 h.

Coa certeza e a constatación a pé de caseta de que as feiras do libro necesitaban «unha volta» para superar un esquema que xa non resultaba atractivo, a Federación de Librarías de Galicia poñía en marcha este ano un novo modelo para o calendario anual de feiras do libro que se celebran na comunidade. A de Ourense, que hoxe abre ao público e que estará na Alameda ata o vindeiro domingo -inclusive-, seguirá as liñas das celebradas ata o de agora e artellará a súa actividade en base a expositores cunha oferta especializada, un amplo programa de actividades de apoio e a incentivación da participación dos escolares, os lectores do futuro. No certame participan 12 librarías, 10 delas da cidade, e o acto inaugural será un espectáculo.

Incremento das vendas

Na presentación da Feira do Libro de Ourense 2013, celebrada onte na CEO, participaron o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez, e o responsable da Asociación Provincial de Libreiros de Ourense, José Manuel García Mosquera.

O conselleiro de Cultura e Educación reiterou a aposta institucional polo calendario de feiras do libro que se está a desenvolver en Galicia e salientou que o acordo de colaboración coa Federación de Librarías de Galicia para o novo modelo de feiras «se está a traducir incluso nun incremento de vendas -un 15% na de Ferrol- malia a grave crise económica».

Do libro infantil ao electrónico

Un pulo que dende a Consellería se ve como un dobre trunfo: por un lado porque se incentiva a actividade das pequenas librarías e, ademais, porque iso demostra que «nesta época difícil os galegos e galegas non deixan a un lado a lectura».

A feira contará, segundo anunciou Pilar Rodríguez, con postos especializados: «Haberá dende librarías para o público infantil a unha centrada no libro electrónico, pasando por gastronomía, literatura galega, manualidades ou un outlet para que os libreiros vendan material descatalogado».

«Está constatado o incremento de participantes co novo modelo que se puxo en marcha»

Xesús Vázquez Abad

«A de Ourense é a única feira de Galicia que se enche con profesionais da propia cidade»

Pilar Rodríguez