«A situación do Concello empeza a ser excepcional en Ourense»

pepe seoane OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

«O Bloque síntese con autonomía para non apoiar ao PSOE »

26 may 2013 . Actualizado a las 07:15 h.

A crise dos gastos impropios ampliou a distancia entre os ata hai uns meses socios do goberno municipal de Ourense. No grupo nacionalista o malestar é moi evidente. E non o ocultan.

-O BNG síntese con autonomía para non apoiar a un PSOE que non nos fai moito caso. Non hai confianza neles. Non poden pedir cortesía sen ofrecer nada. Somos representantes dunha organización política, non tres colegas que pasaban por alí.

-¿Cre que non lles fan o caso que reclaman porque saben que unha moción de censura é inviable, é dicir, que vostedes non apoiarían a un alcalde do PP?

- Está claro que os condiciona saber de nós. Ao mellor é que non acaban de vernos na oposición. Estamos e estaremos fronte ao PP, pero tamén fronte ao que trata de impoñer o PSOE. Non nos poden facer culpables dos seus fracasos, ou do seu descontrol, ou da súa desorganización. Teñen un problema interno moi grave que non dan solucionado.

-¿Sería posible un pacto de goberno no escenario actual?

-Moi difícil. Xa na etapa da última negociación se viviu unha situación de cabreo no BNG polo trato que recibiamos, pola duplicidade de funcións, por pisar as nosas competencias e por unha clara falta de respecto. <

-Pinta vostede un negro panorama da vida municipal...

-A situación do Concello empeza a ser excepcional en Ourense. Falamos dun concello xudicializado, con problemas que aínda están por vir, sen orzamentos, sen políticas encamiñadas, en situación de crise e parálise. O Concello ten que ser un motor de crecemento, e non é así: hai outras preocupacións. Ninguén quere asumir responsabilidades, ninguén quere firmar nada. O custo desta situación pode ser enorme.

-¿Dixo problemas por vir?

-Marga Martín.

-¿Vea imputada polo asunto da axuda a domicilio?

-Non o sei, pero de producirse unha imputación pediremos a súa dimisión, como xa teñen feito, por certo, os outros grupos.

-Falan dende o PSOE de belixerancia extrema, de agresividade esaxerada e hostilidade por parte da outra oposición.

-Tamén o vexo así. Noutras cidades é diferente. Igual é para tapar as cousas de Santiago ou as da Deputación de Ourense. O PP o que quere é chegar ao poder a calquera prezo e atrapállao todo. No caso de DO, é que non ten programa político nin tampouco dirección clara. O seu é denunciar sen máis. E todo é denunciable...

-E nesas que unha concelleira do PSOE, Susana Bayo, pide as contas do seu propio grupo, e precipita o escándalo do gasto en alcol. ¿Que lle parece o proceder da concelleira?

-Constata a división. Creouse un problema que alcanzou unha magnitude que ela, seguro, non era capaz de adiviñar. Está claro que non hai lealdade para o grupo co que está traballando.

-A vostedes tamén lles choveron críticas por pagar con cartos do Concello o aluguer da sede da organización.

-Nós cremos que necesitamos ese espazo para facer traballo político. No Concello de Ourense non temos un local axeitado. Propúxenlle ao portavoz do PP, Rosendo Fernández, que nos cambiara o deles, e se nos deixan as chaves para ir pola tarde, renunciariamos ao aluguer.

-Empezouse co ron e acabáronse poñendo en solfa as asignacións mesmas.

-É o que ten a crise. Os políticos temos que ter moi claro que calquera gasto de fondos públicos ten que ser revisado e tamén é criticable. Temos que ser moito máis comedidos. Chega a ser indignante que se gaste alegremente. Outros fano.

-Teñen chamado a atención do alcalde para que depure responsabilidades políticas no que xa chamamos o caso do ron.

-É que pensamos que non nos teñen respecto. Non tiñan que aceptar as nosas propostas no pleno da reprobación. Pero fixérono. Non nos vale pasar páxina e supoñer que coa pena mediática está todo zanxado. Ata llo poñemos fácil cando lle dicimos que sexa alguén do grupo municipal e non do goberno. Nin así acaban de decidirse a pechalo. E teñen que facelo.

-Como coa Pokemon: Fernando Varela dimitiu nun día e o exalcalde aínda resistiu...

-Fan moi mala xestión das crises, ou minicrises, é igual. Andan con panos quentes.

-Dada a excepcional situación do Concello, ¿sería posible un goberno municipal de concentración, contando con PP e DO?

>-Evidentemente, non. Non é viable. As outras dúas forzas da oposición teñen unha maneira de facer política totalmente distinta á nosa. Non é posible.