Freire Couto: «¿Quen vai a Facenda e di: Quero pagar máis, que son cojonudo?»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

«O presidente anterior non viu oportuno que marchase e agora, pois si»

21 may 2013 . Actualizado a las 14:47 h.

Estivo oito anos como presidente do Inorde (Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico), o mesmo tempo que leva apartado da medicina. Trala súa renuncia ao cargo, volverá á súa praza de médico en Vilamarín. «Iso é o que realmente máis me gusta. A política á larga non é tan gratificante como a medicina», afirma Freire, que «seguramente», deixará a alcaldía de Barbadás e a Deputación no ano 2015, confesa.

-A súa renuncia no Inorde máis ben pareceu un cese. ¿Foi decisión súa ou de Baltar?

-O presidente e eu chegamos á conclusión de que era o mellor momento pero a decisión miña estaba tomada hai tempo. Eu tiña interese en reincorporarme á miña praza de médico e foise dilatando a cousa ata chegar a presentar as contas porque, loxicamente, se el se vai facer cargo, ten que quedar todo en orde. Puido ter sido hai dous anos, cando se acabou o mandato, pero daquela o presidente anterior non o viu oportuno porque non consideraba que fora a mellor maneira de que funcionara a cousa e, agora, pois si. No momento en que estamos, coa crise, creo que é unha decisión acertada.

-Entón, ¿non lle molestaron as críticas de Baltar á súa xestión?

-Para nada. Eu penso que esas críticas sacáronse un pouco de contexto. Nós tiñamos unha folla de ruta, tiñamos planificado o relevo e estou segurísimo de que se sacaron de contexto.

-¿Está, pois, satisfeito vostede co seu paso polo Inorde?

-Aínda que todo é criticable, eu valóroo moi positivamente. Dun xeito ou outro, a provincia recibiu do Inorde máis de 60 millóns de euros, que están investidos nun montón de cousas, empezando polas estacións, seguindo polo tema da seta, da oliveira e da castaña na zona de Conso-Frieiras e Riós, as subvencións ao solo industrial, o apoio as pequenas, empresas, potenciouse o termalismo, o turismo...

-E, sen embargo, o desenvolvemento económico da provincia non se ve.

-As institucións soas non son suficientes para sacar a provincia para adiante. Por desgraza en Ourense e en Galicia en xeral hai pouco iniciativa empresarial e iso é unha eiva como todos sabemos. Mentres iso non floreza as institucións públicas soas non serán capaces de sacar adiante a provincia nin ningunha outra cousa.

-Moléstalle especialmente que se diga que o Inorde ten só 3.000 euros de inversións reais. Explíquese.

-É que esa é unha cuestión que non está ben explicada e incluso o presidente o outro día non o explicou ben e por iso matizouno o día seguinte. Se o que se inviste fose o que aparece nos presupostos entón si que non faría falta que existise o Inorde. O Inorde é un organismo que se especializou fundamentalmente en buscar recursos alleos, fondos europeos, da Xunta, do Goberno central ou privados. De feito, o Inorde todos os anos duplicou e triplicou os seus orzamentos de inversión cos recursos que xerou.

-Fala das estacións como algo positivo, pero a oposición di incluso que foi un fraude porque non se fixo o que estaba proxectado. ¿É así ou non?

-O da oposición en relación con ese proxecto é demencial. Nós témoslle alí enriba dunha mesa toda a documentación e non se dignaron en vir a vela nunca. Critican sen coñecer. Se visitas as estacións, verás que alí hai unha gran inversión. O que pasa é que hai que dar tempo a que se vaian desenrolando coa iniciativa privada. Nós puxemos as infraestruturas para que nesas zonas se creen postos de traballo e riqueza e esa é a fase na que estamos agora.

-¿Influíron dalgún xeito na súa renuncia as recentes polémicas sobre as súas débedas e sobre o seu patrimonio e o modo en que o adquiriu?

-O tema de Facenda acabóuseme en xaneiro. Iso o primeiro. Punto segundo: vou seguir como alcalde e vou seguir como deputado provincial. Iso está claro. A polémica xurdiu pero estivo ao marxe. Ás polémicas estamos expostos sempre os que estamos en política.

-¿Teme que poidan aparecer novas informacións ou investigacións, quizais sobre a transmisión de patrimonio á súa filla para eludir o pago de impostos?

-Facenda pode investigar todo o que queira. Ademais, non ten ciencia ningunha a investigación porque xa lle din eu os datos. Non temo absolutamente nada. Neste momento no que a min atañe do que podía saír xa saíu todo, aínda que tamén é certo que saíron moitas cousas nos medios que non son.

-Hai quen cuestiona a moralidade dese transvase de patrimonio. ¿Que ten que dicir?

-Iso entra dentro dunha estratexia empresarial miña que non ten nada de particular. Iso non é moral nin inmoral, iso é normal, normal. Eu teño a miña estratexia empresarial, a deseño eu e loxicamente todo o mundo fai o que cree que é mellor para os seus intereses. Non é nada ilegal. ¿Ti viches a alguén que intente facer algo que lle prexudica? Todo o mundo trata de facer, dentro da legalidade vixente, aquilo que é máis favorable a nivel empresarial e persoal. ¿Quen vai a Facenda e di: «Quero pagar máis, que son un tío cojonudo»?

josé manuel freire couto presidente do instituto ourensán de desenvolvemento económico

«Non temo nada. No que a min atañe do que podía saír xa saíu todo»

«As institucións soas non son suficientes para sacar adiante a provincia»