O Barco inicia o xoves os actos do Mes das Letras

La Voz O BARCO

OURENSE

27 abr 2013 . Actualizado a las 20:11 h.

Unha obra de teatro para escolares, que o venres poderá disfrutar quen así o desexe, será a que abra a programación co gallo do Día das Letras no Concello de O Barco. O Centro Dramático Galego representa «Días sen gloria», de Roberto Vidal Bolaño, baixo a dirección de Fefa Noia. Será o xoves á mañá, nunha sesión para alumnos de secundaria. E xa o venres ás nove, a función estará aberta (por cinco euros) a quen queira vela. Algo máis dunha semana despois, o día 11 ás oito da tarde, Magín Blanco presentará «A nena e o grilo». Trátase dun espectáculo músico-teatral dirixido ao público familiar. A entrada será libre ata completar o aforo.

O martes 14, ás oito, na biblioteca, Paco Macías falará sobre «O inmenso Roberto Vidal Bolaño». O director de Edicións Positivas falará sobre as diferentes facetas do autor ao que este ano se lle dedica o 17 de maio. Ao día seguinte, ás oito no Teatro Lauro Olmo, alumnos e profesores do Conservatorio e da Escola de Música ofrecerán un recital de música e poemas en galego de varios autores. Para a véspera do Día das Letras, o cineclub Groucho Marx ten prevista a proxección de «O Apóstolo». Pechará o programa cultural, o día 17, «Os románticos». Trátase dunha comedia de Quico Cadaval representada por Mofa e Befa.