«Veríamos con bos ollos todo o que sexa unir o nacionalismo»

M. A. ourense / la voz< / span>

OURENSE

Miguel Villar

05 abr 2013 . Actualizado a las 07:20 h.

Substitúe a Montse Nóvoa, que levaba seis anos como responsable comarcal do BNG. Marcos Ferradás García (Ourense, 1976) foi asesor da extenente de alcalde nacionalista, Isabel Pérez, pero agora está desempregado. Di que «esmorece a lingua, a cultura e a economía. O país esmorece e nós temos que loitar para evitalo».

-Di o novo portavoz nacional que para solucionar os problemas de Galicia, é necesaria máis soberanía. ¿Concorda?

-Por suposto. A capacidade de decidir sobre as nosas infraestruturas ou sobre o noso agro, por exemplo, é importantísima. Sen soberanía, historicamente Galicia sempre foi esquecida e minusvalorada.

-Tralo seu nomeamento dixo que un dos seus obxectivos é «expandir a organización». ¿Está a favor de que o nacionalismo volva confluír?

-Totalmente. O BNG naceu co espírito de ser o referente nacionalista deste país, para ser unha fronte. Todo o que sexa unir ese nacionalismo veriámolo con moi bos ollos.

-Dise que a UPG, na que vostede milita, é un obstáculo...

-A loita das siglas internas non existe xa. Hoxe o BNG está máis afortalado que nunca. Os militantes teñen toda a lexitimidade independentemente de a que estean adscritos.

-Di que o BNG está máis afortalado. ¿É que non se notaron as moitas baixas que houbo nos últimos tempos, especialmente na capital?

-Unha organización política, cantos máis militantes teña, mellor vai funcionar. Cando se vai xente, claro que se nota porque non somos tantos para expandir as nosas ideas.

-¿Pensa que foi acertada a decisión de saír do goberno?

-Penso que si. De seis concelleiros baixamos a tres. O PSOE estaba rendibilizando totalmente o traballo que facía o BNG. A análise sobre os pactos xa estaba feita a nivel nacional cando o da Pokémon, que precipitou as cousas.

-Vostede que a coñece ben ¿gustaríalle que Isabel Pérez volvera a política?

-Ela segue na política. A día de hoxe é membro da executiva local, pero volver á política máis visible non che sei se volverá. De momento, non creo, pero a vida dá moitas voltas.

marcos ferradás novo líder comarcal do BNG