«A cultura é unha necesidade e os ourensáns téñena que crear»

Maite Rodríguez Vázquez
MAITE RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Avogado con inquedanzas musicais, escolleu un recinto de aire inglés

13 ene 2013 . Actualizado a las 14:20 h.

Miguel Caride é avogado de profesión e apaixonado pola música. Como letrado, ademais de asistir aos seus clientes, tense destacado como membro da oficina de intermediación hipotecaria do Colexio de Avogados de Ourense, dende onde procuran solucións negociadas aos problemas que os hipotecados teñen cos bancos, e como membro da xunta de goberno do colexio ten participado activamente na loita que o colectivo mantén contra a Lei de Taxas Xudiciais.

Caride é ourensán e séntese moi contento de selo. «Nunca me plantexei ir fóra de Ourense», di, aínda que dende que era mozo comezou a viaxar con frecuencia a Inglaterra para estudar inglés e para gozar da súa paixón pola música. De aí que escollera a antiga fábrica de fundicións de ferro Rogelio Fernández (Av. Alfonso R. Castelao) como o seu lugar preferido de Ourense, aínda que barallou outros como a estación do tren - xa que naceu e criouse no barrio da Ponte- ou a antiga cárcere de Progreso, onde descubriu, nunha visita co seu pai sendo adolescente, a súa vocación como avogado. Finalmente, decidiuse por este recinto, hoxe en ruínas, porque lle lembra a moitos locais culturais que existen na capital británica. «Non atopei en Galicia un recinto parecido. Dáme mágoa que estea abandonado. Ten altura, luz, é un recinto ideal para música ou teatro. A cultura é unha necesidade. A actividade cultural téñena que crear os ourensáns. A cultura ten que saír do pobo».

Naceu o 1 de abril de 1964. O 1 de abril en Gran Bretaña é como o 28 de decembro en España. «Igual por iso son tan anglosaxón e inocente», ri Miguel Caride. Non se fixo avogado para gañar cartos, senón por que viu que era unha profesión coa que desenvolver a súa vocación social. En abril de 2012, comezaron no colexio de avogados coa oficina de intermediación hipotecaria, que ten sido unha boa experiencia: «Hai pouco chegamos a un principio de acordo cunha entidade bancaria e o cliente non paraba de darnos as grazas. Hai que esixirlles aos bancos que tutelen os créditos que dan. Fixéronse barbaridades e a culpa foi do sistema financeiro». É dos máis críticos coas taxas xudiciais. Pero «a desgraza que pode ser ter un ministro como Gallardón, trae a vantaxe da unidade do colectivo xudicial».

A súa vocación musical tampouco a perdeu. Nunca fallaba nos festivais de Maristas e estudou canto coral, solfexo e piano no conservatorio de Ourense ata os quince anos. Tamén tomou clases de guitarra e con 18 anos comezou a montar bandas. Recuperou hai doce anos a afección por tocar en grupo. Ten unha banda, Swiss Cottage, que acaba de sacar un single con dous temas en inglés, compostos por el e o seu fillo Iván. A súa banda favorita de todos os tempos é Génesis.

miguel caride domínguez