Un estudo analiza a censura na obra de Celso Emilio Ferreiro

XOSÉ MANOEL RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Xerais (X. lOBATO)

A revista Grial edita o traballo de investigación de Xosé Manuel Dasilva

06 ene 2013 . Actualizado a las 12:15 h.

Pechado oficialmente o Ano Celso Emilio Ferreiro hai unha realidade que se mantén incuestionábel no que ao escritor se refire: a complexidade do autor aínda garda aspectos e realidades descoñecidas. Unha das novas aportacións vencelladas a Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912 - Vigo, 1979) é o traballo publicado no último número de Grial (o volume 195) por Xosé Manuel Dasilva, profesor da Universidade de Vigo, que recolle «as pegadas da censura na produción literaria de Celso Emilio Ferreiro». Dasilva mergullouse no traballo ao non ter «coñecemento de que se fixese ningún estudo» ao respecto.

Suposta conspiración

Segundo Dasilva «representa pouco menos ca un tópico considerar que o celanovés foi o autor galego posiblemente máis castigado polas tesoiras do réxime» e sinala que o propio escritor contribuiu a alentar esa idea «a través de numerosas declaracións esparexidas en variadas fontes. Tanto é así que Celso Emilio Ferreiro chegou a elucubrar sobre a existencia dunha verdadeira conspiración» que iría máis alá de controlar as súas publicacións «senón tamén para relegar o seu nome».

O profesor recolle no se artigo en Grial as manifestacións neste senso que o propio Celso Emilio Ferreiro deixou no seu epistolario a intelectuais como Neira Vilas ou Xesús Alonso Montero, entre outros. Nunha das cartas a Neira Vilas, datada en 1973, di ter indicios de que «os lectores ó servicio da O. de Consulta, viven en Galicia, andan entre os nosos amigos e, cando se trata de min, informan por razóns persoales de enemistá política».

Otero e a «longa noite»

En A censura na obra de Celso Emilio Ferreiro o profesor Xosé Manuel Dasilva analiza a evolución da relación censura-escritor e sinala como os seus primeiros libros non tiveron que pasar polo trámite de pedir permiso para ser publicados ao constar o escritor «nos ficheiros da Delegación Nacional de Excombatientes» e contar cun traballo na Fiscalía de Tasas, organismo dependente do Goberno Civil.

Dasilva asegura no seu traballo que «hai unha altura definida, que ten inicio talvez en setembro de 1964, en que a personalidade de Celso Emilio Ferreiro comeza a ser vista pola ditadura dende outro prisma». Entón o escritor aparece entre os asinantes dun manifesto dirixido ao Ministerio de Agricultura pedindo melloras para o campo galego, que recollía consignas comunistas publicadas antes en Mundo Obrero, e o acontecemento decisivo foi a homenaxe do 15 de maio de 1966 no Hotel Roma, de Ourense, con motivo da marcha do escritor para Venezuela. A Guardia Civil fixo un informe do acto e logo a Oficina de Enlace remitiu outro ao Ministerio de Información y Turismo. O profesor sinala no seu artigo de Grial que «por certo, a Ramón Otero Pedrayo atribuíaselle neses dous informes o uso metafórico da fórmula ?longa noite de pedra? de tanta fortuna posterior».