O premio Pura e Dora Vázquez de Literatura Infantil e Xuvenil rexistrou 51 propostas

OURENSE

A Deputación de Ourense anunciou hoxe que se superou o récord de participación no certame

26 dic 2012 . Actualizado a las 20:15 h.

O premio Pura e Dora Vázquez de Literatura Infantil e Xuvenil converteuse, en só dez anos, nun dos certames de referencia para os escritores e ilustradores galegos. A convocatoria creada no seu día pola Deputación de Ourense para homenaxear ás irmás Vázquez, que de sempre mantiveron unha estreita colaboración coa institución provincial e que na mesma quedaron depositados fondos e documentos referidos á súa vida e ás súas obras, foi facéndose un oco no panorama da cultura galega coas súas dúas convocatorias anuais ?unha para seleccionar o mellor texto e outra para ilustrar a obra gañadora? e nesta décima edición o certame superou os rexistros acadados ao longo da súa historia.

O ano de maior participación

O día 20 pechouse o prazo para presentar as propostas orixinais para ilustrar a obra Por que está triste Miañas? e onte, logo dos días fixados pola organización para deixar tempo a que chegaran os orixinais remitidos por correo ou mensaxería, a Deputación de Ourense anunciou que se rexistrou «un récord de participantes» na convocatoria, con 51 propostas para ilustrar a obra de Ángela Fernández Rey.