«Se o PSOE quere rexurdir terá que facer sinais de arrepentimento»

Miguel Ascón Belver
Miguel Ascón OURENSE

OURENSE

PABLO ARAUJO

25 oct 2012 . Actualizado a las 07:20 h.

Non quere nin oír falar da posibilidade de converterse en conselleiro no novo goberno de Feijoo. Como portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda (Allariz, 1967) di que no partido están «moi contentos» cos resultados de Ourense: «Conseguimos o obxectivo de recuperar o oitavo deputado, que perderamos nas últimas eleccións».

-¿Reforzan eses resultados ao presidente provincial ou son mérito exclusivo de Núñez Feijoo?

-Eu creo que estas eleccións foron en clave autonómica, pero había incluso quen pretendía que foran para avaliar as políticas do Goberno de Rajoy. Estes resultados en todas e cada unha das provincias o que fan é avalar ao PPdeG, que ten catro pezas e unha delas é Ourense. Isto beneficia a Feijoo e ao PP de Ourense porque tamén cumpriu coa súa parte de traballo.

-¿Sorprendeulle a irrupción de Alternativa Galega de Esquerda incluso nesta provincia?

-Si, na provincia de Ourense a priori parecía que Compromiso podía ter algo de tirón e logo evidenciouse que foi Alternativa quen conseguiu un deputado, algo que ninguén esperaba. Iso ten que valerlle para que tomen nota os que están directamente afectados, que son o PSOE e o BNG.

-¿Que cre que deben facer agora?

-Non son quen de darlle consellos nin ao PSOE nin ao BNG, pero como cidadán eu creo que o PSOE non asumiu en todo o Estado a forte contestación que recibiu hai un ano nas xerais e se realmente quere rexurdir terá que facer sinais de arrepentimento ante a sociedade. Non o digo desde o punto de vista relixioso, senón no de recoñecer os erros cometidos. En canto aos nacionalistas, teñen que mirar para a súa casa, que está sendo abandonada continuamente polos seus membros. O que está claro é que esa división penalizoulles moito en clave electoral.

-Pese a todo, o BNG segue ganando no seu municipio, Allariz.

-Si, pero baixou moitísimo. O PP mantívose perfectamente a pesar do incremento da abstención, de dez puntos. Iso tamén hai que velo e analizalo. Se foran as municipais melloraríamos moitísimo o resultado. Teríamos un concelleiro máis e o BNG perdería a súa maioría absoluta.

-Leva tempo con responsabilidades de partido. ¿Vese xa como conselleiro?

-Hai que valorar as responsabilidades que un ten que asumir en cada momento. As que teño que asumir agora, coas que estou totalmente satisfeito de que se contara comigo, son como portavoz local en Allariz e como portavoz do partido. Son tarefas sobradamente importantes. Ademais, ese tipo de cuestións ten que decidilas o presidente, que chamará ás persoas que considere máis axeitadas.