«O Bloque homologouse ós grandes partidos e non ilusiona»

x. m. r. ourense / la voz

OURENSE

PABLO ARAUJO

23 oct 2012 . Actualizado a las 11:08 h.

Oque será o primeiro deputado autonómico de AGE por Ourense aínda está «descolocado». Recoñece que «a valoración dos resultados é moi positiva, inesperados sobre todo no acadado nas cidades» e fala do aspecto negativo «de que gañara o PP a pesares das barbaridades cometidas».

-¿Por que non houbo cambio daquela a pesar das «barbaridades» das que fala?

-Polo descalabro brutal que sufriu o PSOE, cunha caída espectacular en canto aos seus apoios.

-¿Como valora a baixada de participación?

-Hai un desgaste da clase política tradicional, a xente está farta e queda na casa en lugar de ir a votar. Iso é o que hai que combatir de cara ao futuro.

-AGE sacou máis votos que o BNG na cidade ¿como o interpreta?

-O BNG homologouse aos grandes partidos e non ilusiona á xente. Xa non ten ese punto revolucionario e caeu nas prácticas que sempre criticou nos outros. Cruzou moitas liñas vermellas e este é o resultado de todas esas prácticas.

-¿A que se refire? ¿Onde sitúa vostede a orixe desa situación?

-Cometéronse moitos erros, sobre todo na época de Quintana, que xa empezou por apartar a Beiras, e logo incurriuse en actuacións que sempre se denunciaron en partidos como PP ou PSOE. E nin se correxiu esa política, nin se pediu perdón aos cidadáns. Acabaron sendo como os grandes partidos, PP e PSOE.

-Pero vostede procede do BNG e presentouse na lista desa formación nas últimas municipais.

-Os do Encontro Irmandiño fómonos do BNG en xaneiro, e sempre dixen que nos deberíamos ter ido moito antes.

-¿Como se vai xestionar a representación tendo en conta o número de partidos?

-Mantivemos unha perfecta harmonía en campaña e imos seguir nesa liña.

-¿Mantén os obxectivos?

-A defensa do estado de benestar, a loita contra os recortes e a aposta polo rural ourensán.