O BNG chama ao voto útil nacionalista en Vilar de Santos

OURENSE

Suárez Canal: «Non hai un só sector que estea mellor agora que no 2009»

12 oct 2012 . Actualizado a las 22:30 h.

Vilar de Santos formou, ata hai uns días, un dos espazos bandeira do BNG. Esgazadas da histórica trepia nacionalista Rairiz de Veiga, co exalcalde do Bloque nas filas do PP, e Vilar de Santos, co rexedor e a corporación militando agora en Compromiso por Galicia, só se mantén Allariz como referencia histórica.

E ata o espazo que foi noutrora unha das súas xoias da coroa nacionalista foi onte o BNG para celebrar o seu mitin de campaña, e deulle o protagonismo a «armada alaricana», con Francisco García e Suárez Canal á cabeza. Coa mestría dialéctica que o caracteriza, Alfredo Suárez Canal optou pola vía da exemplarización para facer chegar ao auditorio a mensaxe do BNG.

De Cicerón a Darío Fo

Parafraseando a Cicerón, o exdeputado nacionalista preguntouse «¿A quen beneficia votar ao PP?» e respostouse lembrando que en tres anos de Goberno de Feijoo «non hai un só sector en Galicia, nin un, que estea mellor que cando el empezou a gobernar no 2009». Suárez Canal lembrou que hai máis de 100.000 parados en Galicia, que a xuventude emigra como na dictadura e que os traballadores e os pensionistas son os que pagan os recortes «non a banca, nin as grandes fortunas nin as sociedades de investimento». O nacionalista sinalou que «agás nas guerras ou nos cataclismos, a sociedade sempre evolucionou a mellor e os fillos tiveron máis calidade de vida que os seus pais, menos agora con Rajoy e Feijoo que pasa ao contrario» e citou a Darío Fo, e a súa obra A morte accidental dun anarquista, para lembrar que «como acontece na mesma, na que un asasinato se transforma nun accidente, Feijoo minte para facernos crer que vivimos no país das marabillas». No mitin o exdeputado do BNG incidiu en que a dispersión do voto nacionalista ao único que beneficia é ao PP e que, daquela, se fai necesario reforzar o apoio a esta forza «a única que pode facer perder a maioría a Feijoo».