Trives reivindica o legado de Manuel Luís Acuña

OURENSE

Silvia Mosquera

O quinto congreso sobre o mestre e escritor afondará tamén nas figuras de Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro

29 sep 2012 . Actualizado a las 07:15 h.

A figura do mestre, poeta e intelectual galeguista Manuel Luís Acuña reúne periodicamente en Trives a investigadores, docentes, políticos e galeguistas para analizar o legado do que foi meste da xeración da II República e o momento histórico que lle tocou vivir. Entre os días 27 e 29 de outubro o Concello da Pobra de Trives acollerá o V Congreso Manuel Luís Acuña e o programa e as actividades vencelladas ao mesmo foron presentados onte no Campus de Ourense polos coordenadores da iniciativa, Xosé Manuel Cid e Xoán Carlos Domínguez, e polo alcalde de Trives, Francisco José Fernández.

Nesta nova edición do curso as diferentes ponencias e traballos permitirán aos participantes achegarse á figura de Acuña, o momento histórico e político que lle tocou vivir e aspectos como os referidos á incorporación da muller ao ensino ou a represión dos mestres durante e despois da Guerra Civil. Tamén haberá diferentes actividades vencelladas co legado e a memoria de Valentín Paz-Andrade, que mantivo unha estreita relación coa zona por estar alí desterrado, e á figura de Celso Emilio Ferreiro, do que se cumpre este ano o centenario do seu nacemento. Entre os ponentes do V Congreso Manuel Luís Acuña figuran Xesús Alonso Montero, Aurora Marco, Narciso de Gabriel, Ramón Nicolás e Ana Cebreiro.

Nesta nova convocatoria terán un especial protagonismo os escolares da comarca, con representacións teatrais e recitais.