A Mostra de Ribadavia acollerá unha xornada de debate sobre a crítica teatral

OURENSE

O encontro está organizado pola MIT e a Asociación de Escritores en Lingua Galega

24 jul 2012 . Actualizado a las 22:25 h.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que se celebra até o día 28, acollerá o xoves un encontro sobre a crítica teatral. Dende as 10.00 horas celebraranse as sesións no salón de actos do Concello de Ribadavia. A primeira das citas leva por título «O gran ausente da crítica: teatro para a infancia e a mocidade» e na mesma participarán Montse Pena Presas, Paula Carballeira e Gonzalo Guerreiro. Moderará Ana Blanco Roig. O segundo encontro, moderado por Roi Vidal, leva por título «Teatro e literatura dramática ante a crítica» e no mesmo estarán Dolores Vilavedra, Santiago Cortegoso e Francisco Pillado. O terceiro debate abordará a presenza da «Crítica teatral nos medios de comunicación» e no mesmo estarán presentes Mónica Caamaño, Comba Campoy, Ana Romaní, Camilo Franco e Manuel Xestoso. Moderará Inma López Silva. A xornada rematará, ás 13.30 horas, coa entrega do Premio Abrente de Honra a Francisco Pillado.