Máis de 30 bandas na cita de homenaxe a Os Resentidos

x. m. r. ourense / la voz

OURENSE

Luís Tosar, Julián Hernández, Uxía e O Sonoro Maxín entre os participantes

05 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A homenaxe a Os Resentidos vai concretando participacións e apoios á cita que suporá o reencontro da mítica banda galega logo de 18 anos sen tocar xuntos. O concerto que se celebrará o 12 de maio en Expourense reunirá sobre o escenario a Antón Reixa, Rubén Losada e Javier Soto para conmemorar os 30 anos de nacemento de Os Resentidos e nesta cita está confirmada xa a presenza de Julián Hernández, Miguel Costas, Xosé Manuel Budiño, Uxía, Sés, Xurxo Souto, Bieito Romero, Rómulo Sanjurjo, Tonhito de Poi, Piti Sanz, Luís Tosar e Xosé Manuel Pereiro. Novedades Carminha e O Sonoro Maxín, que estreará disco nos vindeiros días, serán os encargados de abrir o concerto. A presentación do encontro de homenaxe a Os Resentidos correrá a cargo do actor Carlos Blanco.

O proxecto do concerto dos 30 anos da banda e a homenaxe dos grupos e artistas galegos a Os Resentidos é unha iniciativa desenvolvida por Frankani Producións, que conta co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense e a colaboración de Agadic, Expourense, Estrella Galicia e Radio 3. A proposta naceu como un encontro «para festexar os trinta anos de música feliz do grupo máis influínte do rock en galego» e a cita de Expourense está artellada como «unha oportunidade irrepetible de gozar ao vivo cunha banda que marcou a toda unha xeración». As entradas poderanse adquirir ata o día 15 de abril ao prezo de 6 euros, máis gastos de distribución, e logo xa pasarán a venderse a 10 euros, entre o 16 de abril e o 11 de maio. O día do concerto as entradas venderanse a 15 euros na billeteira de Expourense. Ademáis de venderse dende a web www.osresentidos.com, poden mercarse na agrupación cultural Auriense, Faíscas e Saborido Tapería, todos eles en Ourense, e tamén en establecementos de Vigo, Santiago, Lugo, A Coruña, Allariz, Xinzo, Celanova e Boiro.

Expediente de contratación

A xunta de goberno de Ourense do pasado día 30 aprobou un gasto de 34.500 euros en concepto de produción do concerto.