«O Principal é na actualidade un referente en toda Galicia»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

A ourensá ocupa unha vicepresidencia na Red Española de Teatros

18 mar 2012 . Actualizado a las 07:07 h.

Olga Mojón Costela (Castro Caldelas, 1966) leva vencellada ao Teatro Principal dende a súa apertura ao público logo da restauración promovida pola Deputación de Ourense. Na actualidade compaxina o seu traballo como directora xerente do mesmo coa súa responsabilidade na directiva da Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública. Na Red exerceu os últimos meses como presidenta en funcións e dende o 1 de marzo é a vicepresidenta para as relacións ministeriais.

-¿Cantos anos leva traballando no Principal?

-Dende a súa apertura en 1992, primeiro na administración e dende hai 16 anos, cumpríronse en febreiro, como directora.

-¿Que lle aporta a Ourense estar na rede española?

-A este organismo están vencellados máis dun cento de teatros, auditorios e outras institucións culturais de todo o Estado e sempre podes acceder a iniciativas ou proxectos que poden ser de interese para Ourense.

-A crise está destrozando as infraestructuras culturais ¿como lle afecta ao teatro?

-Os recortes son xerais en tódolos niveis e o que fixemos aquí foi reorganizarnos. E cambiar o modelo facéndolle ver ás produtoras que os anteriores esquemas xa non valen: os cachés fixos revísanse e agora vaise moito a porcentaxe de taquilla, aluguer e outros modelos.

-José Luis Baltar anunciou pouco antes de marchar unha auditoría no Principal ¿como valora esa medida?

-A nós non nos afecta porque aquí só se fai a xestión, o resto é todo responsabilidade da Deputación. Nós presentamos propostas para contratación en función das actividades que queresmos facer e, a partir de aí, a responsabilidade é da Deputación. A sinatura dos contratos, os pagos e o resto de xestións, ata os ingresos por taquilla, son responsabilidade directa da mesma. Daquela, en todo caso, sería unha auditoría á Deputación.

-A oposición carga sempre contra as perdas millonarias.

-Na Deputación entregamos cada ano unha memoria na que cada actividade que facemos ten a súa ficha -contratos, facturas, follas de taquilla e outros datos-. Os datos todos son públicos. Á oposición non lle interesa consultalos e prefire facer un uso interesado para tirar rendemento político.

-¿Que salientaría do realizado nestes anos?

-O Principal é hoxendía un referente para toda a provincia e Galicia, iso é froito dos moitos esforzos feitos ao longo destes anos ¿que salientaría? tódalas estreas nacionais que fixemos, coa correspondente repercusión do nome de Ourense e do Teatro Principal, a posta en marcha de proxectos como a Moti ou a Miteu ou o equipamento técnico do que nos fomos dotando..

-Con que obra se quedaría ¿coas estreas? ¿coa presenza de Nuria Espert?

-Espert é moi importante para nós polas veces que ten estado e pola axuda en proxectos como o do congreso. De quedarme cunha obra sería Una noche con los clásicos, foi a primeira que programei e impresionoume moito ter en fronte a Adolfo Marsillach, Amparo Rivelles e María Jesús Valdés. Dulce pájaro de juventud ou El abuelo, que foi a despedida de Rivelles, tamén foron momentos importantes.

olga mojón costela directora do teatro principal de ourense

«A oportunidade perdida foi mercar o edificio contiguo para poder ampliar infraestructuras»

«Costou bastante conseguir respecto aos artistas e educar ás autoridades no uso da institución»