A alcaldesa de Cartelle está convencida de que Mariano Rajoy rematará a iniciativa que impulsou sendo ministro
23 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Carmen Leyte Coello (Vigo, 1953) foi en 2008 a candidata que contou cun maior respaldo para o Senado na provincia de Ourense, condición que revalidou este domingo. Alcaldesa de Cartelle e médica do pobo, está en situación de «servizos especiais» ao ser incompatible o exercicio da profesión, se traballase na privada non tería problema, co cargo de senadora.
-¿Como valora o respaldo acadado o 20-N?
-Que sexa a candidata máis votada non ten outra explicación que a miña condición de ir de cabeza de lista. O traballo desenvolvido nestes catro anos pode influír, pero o que pesa máis é ir de cabeza de lista. Estou convencida.
-¿Que obxectivos se marca para estes catro anos?
-Seguir a traballar na defensa dos proxectos e iniciativas a prol da provincia de Ourense, de xeito singular en actuacións clave como o AVE, a recuperación de San Francisco -que é un proxecto prioritario-, a circunvalación Norte da cidade, as autovías A-76 e A-56 e outras intervencións.
-San Francisco foi un proxecto promovido en tempos de Mariano Rajoy e Cabezas e xa ve como está, en pleno abandono.
-É certo, por iso terá unha especial relevancia que se remate con Rajoy como presidente do Goberno ao ser un proxecto de vital importancia para Ourense e ao que non se pode renunciar.
-¿A estratexia logo da vitoria é o soterramento do AVE?
-Non é tal. O soterramento é un tema vital que non se quixo tomar en consideración en ningún momento e por iso non hai ningún estudio técnico serio. Iso non quere dicir que teña que ser soterrado, o estudio pode desaconsellar esa opción, pero hai que valoralo.
-¿Iso non retrasará o proxecto en exceso?
-Non porque pode facerse primeiro a integración e logo o soterramento. Con esta opción gañaríanse espazos verdes e zonas públicas para a cidade.
-¿Será realidade algunha vez a discriminación positiva?
-Ten que selo e desta volta. Cando foron as vacas gordas non nos tocou nada e agora débese priorizar para que, dunha vez por todas, Ourense conte con ese apoio.
-O Senado é unha cámara cuestionada.
-Si, máis é unha cámara onde se traballa, moito, e faise un control rigoroso das leis. É certo que precisa unha reforma para ser a cámara territorial que se quería crear e debe acometerse.
carmen leyte coello senadora electa do pp