«Na política estase de paso, non como un medio de vida»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Se logra ser deputada, o PP quitaralle un escano ao PSOE e poderá considerarse gañador das eleccións en Ourense

13 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Baltarista vocacional, Ana Belén Vázquez Blanco (Bande, 1975) cree que o PP de Ourense está máis unido que nunca con Baltar fillo como presidente para afrontar as eleccións do 20-N. «A xente que quedou polo camiño foi quen se quixo autoexcluir», di a número tres popular, convencida de que entrará no Congreso.

-Agora non se trata de votar con ilusión, que goberne ese partido que máis ilusión che faría que gobernase, senón que se vai a votar por necesidade, se vai votar un cambio por necesidade. Van ser unhas eleccións bipolares, ou o PSOE para continuar co que hai ou ou PP para cambiar a situación que está vivindo España.

-Vostede ten unha praza na Deputación e estase a falar moito do futuro destas institucións, ¿deben seguir existindo?

-Nós consideramos que deben continuar existindo sobre todo en provincias eminentemente rurais nas que están prestando unha serie de servizos que os concellos por si sos non serían capaces.

-Vostede que entrou por oposición na plantilla da Deputación, ¿que lle parece a manobra do socialista Miguel Fidalgo para converterse en indefinido?

- Hai unha serie de pasos que hai que dar para poder ser funcionario público e teño entendido que Miguel non cumpría ningunha das premisas e que se estaba vulnerando a lei do estatuto da función pública do 2007 que precisamente reformou o PSOE.

-Gañou unha oposición na Deputación, pero a limpeza deses procesos ponse sempre en dúbida. ¿Está xustificada esa percepción?

-As oposicións da Deputación son limpas, como en todas as institucións públicas. Eu, como calquera outro cidadán, e así mo permite a lei, concorrín primeiro a unha do Ministerio do Interior e despois á da Deputación de Ourense en igualdade de condicións.

-Empezou moi nova en política. ¿Pensa facer dela unha ocupación permanente?

-Non, obviamente, na política estase de paso. Debemos de considerar a política non como un medio de vida, e así llo recomendo a todo o mundo, senón como unha vocación de servizo. Eu recordo que a min con 17 anos non se me ocorría estar en política. Cando coñecín a Baltar eu estaba tocando a gaita nun campionato en Chantada, presentáronmo, eu tiña unha asociación xuvenil, e a partir de aí empezan a surxirche as inquedanzas. Xa tiña a necesidade de facer cousas e o canalicei a través da política.

-Fálase da posibilidade de que tanto Celso Delgado como Guillermo Collarte formen parte do Goberno, ¿valora como un escenario posible que pase vostede a ser, digamos, a número un do PP de Ourense no Congreso?

-Non. Nestes momentos o que queremos é que o Partido Popular teña o mellor resultado o próximo día 20. Eles, igual que o resto do compañeiros, teñen o perfil adecuado para formar parte do Goberno de España e tamén para formar parte do grupo parlamentario.

ana belén Vázquez blanco número tres do PP ao congreso

«As oposicións da Deputación son limpas, como en toda institución pública»