O Outono Fotográfico abre coa homenaxe a Benito Losada

x. m. r. ourense / la voz

OURENSE

Unha colectiva reúne obras en memoria do creador do certame

27 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A desaparecida Agrupación Fotográfica Ourensá foi unha das iniciativas promovidas por Benito Losada cando corría o ano 1984. Onte eran os fotógrafos vencellados a aquel proxecto os que inauguraban unha mostra na pranta baixa do Espazo Xove cun título máis que expresivo: «Homenaxe da Agrupación Fotográfica Ourensá a Benito Losada». Orixinais de Santiago Barreiros, Soco A. Balvís, Xosé Manuel Chao Arana, Enrique Fidalgo Locchies, Luis González Pato «Souto», Pablo S. González Prieto, Ana y Chema Iglesias, Eduardo Núñez, Marisol Rodríguez, Mª del Carmen Sáez e Xosé Lois Vázquez compoñen a mostra que serviu para iniciar as actividades do Outono 2011, o primeiro sen Benito Losada. No Espazo Xove tamén se abría onte ao público a mostra do Certame Fotografía de Medio Ambiente e no Liceo as imaxes de Lobeira de Mark Ritchie.

«Non grande azul»

No Museo Municipal, e tamén dentro do Outono Fotográfico, pode verse dende onte a mostra «No grande azul», unha reportaxe fotográfica de José Romay que xa estivo no Museo do Mar de Vigo. As imaxes refrexan a dureza da actividade dos mariñeiros que están a pescar no Atlántico, no Gran Sol.