Os ourensáns terán perto contenedores para roupa usada

La Voz

OURENSE

31 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Fiel á premisa do Concello de Ourense de aproveitamento íntegro dos recursos, e cun dobre obxectivo de protección social e do medio ambiente, a xunta de Goberno vén de aprobar un convenio de colaboración coa Organización Non Gubernamental para o Desenvolvemento Humana Fundación Pueblo para Pueblo, para o establecemento dun sistema de recollida de roupa usada.

As prendas que se recollan serán destinadas a proxectos de cooperación en África xestionados pola oenegé. Este sistema facilitará aos cidadáns o depósito de roupa usada en contedores especialmente deseñados e acondicionados para esta fin, e que se atoparán preto dos domicilios dos cidadáns, preferentemente xunto aos dépositos de recollida selectiva. Estes contedores contarán cunha capacidade por unidade de 250 kilogramos e un volume de 2,25 metros cúbicos. O proxecto que se iniciará no mes de setembro é froito dun convenio por dous anos prorrogables, asinado pola Concellería de Limpeza e Humana Fundación Pueblo para Pueblo. Esta entidade que será a responsable de instalar e manter os contedores, así como de garantir o bo aspecto e funcionamento dos mesmos, leva desde 1987 realizando proxectos de cooperación en distintos países da África Subsahariana, Sudamérica e Asia, cos obxectivos de impulsar a formación, a educación, a capacitación e o progreso das comunidades beneficiarias.

A concelleira de Limpeza, Susana Bayo, quixo destacar a dobre finalidade deste proxecto que combina a conciencia social e a medioambiental: «non só poremos en prática a reutilización dos nosos recursos, ademais fomentamos o labor social a prol dos máis desfavorecidos».