Beiras chama a recuperar os sinais de identidade do BNG para conectar coa sociedade

ourense / la voz

OURENSE

29 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Encontro Irmadiño trouxo onte a Ourense a súa campaña a prol da reivindicación dun novo esceario para o BNG, que pasaría basicamente por recuperar os sinais de identidade que lle valeron a conexión cos axentes sociais e o apoio que o situou no seu día como a formación que liderou a oposición en Galicia e foi a alternativa ao Goberno de Fraga. Xosé Manuel Beiras foi o encargado de dar a coñecer, nun encontro no Ateneo, as premisas e reivindicacións do EI de cara á asamblea que celebrará o BNG no outono.

Beiras lembrou as reivindicacións que o Encontro Irmadiño foi prantexando nas últimas semanas de cara a cita de outono referidas ao proceso previo, á campaña de recuperación da antiga militancia e de abrir as portas aos que queiran participar no novo proceso da formación ou a celebración de asambleas abertas a non militantes (aspecto este que non foi aceptado e de aí as reunións que promove o Encontro Irmandiño).

Xosé Manuel Beiras amosouse no Ateneo partidario de recuperar o proxecto estratéxico que fixo acadar ao BNG o seu máximo apoio no 2000, voltar ao proceso asambleario e que «as cousas funcionen de abaixo arriba» e non co sistema de delegados que se puxo en marcha no 2006 e erradicar a situación de «ser un partido no que se enfrontan dos partidos, UPG e + BNG, antes + Galiza» para voltar a ser unha formación na que existen diferentes correntes «que se consideran en igualdade, o mesmo que a militancia das mesmas».