Santuario cultural baleiro

Manuel Estévez

OURENSE

28 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Acapela de San Gregorio, no enclave paisaxístico de Vilamarín, a mesma que antano proporcionaba asistencia a funcións relixiosas en tempos aínda recentes, mudara a santuario cultural. O fervor da conservación e divulgación dos nosos tesouros, alén de enredar á xente a ollar e comprender o significado creativo dun dos grandes artistas, inesquecible Xulio Tizón, ceense de berce. Académico correspondente de Belas Artes de San Fernando onde se formara. Membro de Número na homónima de Extremadura, lonxe dos fornos, alí desenvolvera a actividade profesional. Pensionado nos últimos anos pola Deputación, institución ourensá que garda unha notable colección do autor do cadro do Espantallo, luz e transparencia con diferentes tonalidades transportadas ás telas polo xordomudo que ata hai pouco permaneceron no espazo sagrado. Todos aqueles que se acheguen polo Camiño de Santiago ata o entorno natural e histórico, atoparán o guerreiro pétreo de Xosé Cid e as portas abertas do pazo en cuxos muros pendura a liberdade creadora doutro imborrable das artes plásticas, Xaime Quessada, mais a capeliña pechada e as paredes baleiras. As pinturas de Xulio Tizón foran embaladas. ¡Unha mágoa! Si señor. Nas terras do pan, persoeiros da cultura entre o centeo, ás veces tan ignorados ou silenciados, cando é de xustiza conservar o patrimonio cultural, por ser un ben, neste caso de San Cristovo de Cea, da comarca do Carballiño, de Ourense, de Galicia, do país enteiro.