«Son o esparrin dos de Ourense e ás veces o de os de Santiago»

Ruth Nóvoa de Manuel
ruth nóvoa OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Pensa nun futuro político pero di que a súa vida municipal está esgotada

19 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Na mesa, papeis, unha Blackberry e dous bolígrafos: un azul e outro roxo, quizais por se hai algo que corrixir. Leva dous anos exercendo como delegado da Xunta en Ourense. Hai quen di que se fixo menos serio. Será polos catrocentos actos públicos e as mil reunións con outras institucións que mantivo desde que foi nomeado.

-Situado no ecuador, ¿que balance fai?

-Foron dous anos moi complicados. Porque unha cousa é non crecer e outra diminuír, que é a primeira vez que está pasando cos presupostos da Xunta. Levo unha temporada que só escoito necesidades. E ás veces son moi persoais e moi perentorias.

-¿É un delegado que vale por doce, os que había antes?

-A administración deixou de gastar en si mesma con esta medida máis de tres millóns de euros. E pasaremos dos sete.

-¿Tivo que incorporar a omnipresencia ás súas calidades?

-Sí, no que se refire a estar presente e a estar enterado de todo.

-¿É máis difícil ser delegado na provincia do xefe Feijoo?

-Creo que é máis difícil ser delegado en Ourense polas circunstancias de Ourense. O outro é unha satisfacción.

-Outra definición para o seu cargo, recorrendo ó boxeo, sería a de esparrin. Leva os golpes para que non cheguen a Santiago.

-É a misión do delegado, que está para recibir as peticións da xente, facelas chegar e traer as solucións. Nese intermedio, son o esparrin dos de Ourense e ás veces o de os de Santiago.

-¿Como viviu as municipais, sen ser candidato, despois de trinta anos como alcalde?

-Cando deixei o concello pensei que o ía a botar de menos. Só me pasou durante uns días. Vía algo e ía chamar para arranxalo... e de repente pensaba: ¡pero se xa non son alcalde! Sigo sendo veciño de Arnoia pero é tal a cantidade de traballo que non teño tempo para máis.

-¿Por que se mete un en política? E queda.

-Non o sei. Cando estás metido na roda... A nivel persoal e incluso económico estaría mellor na caixa de aforros. Traballaría de oito a tres, cos fins de semana libres e un mes de vacacións. Será que che gusta... É que é un pouco masoca.

-O que si viviu as eleccións en primeira liña foi outro dos candidatos a delegado provincial, Rosendo Fernández.

-Teño dúbidas de que Rosendo estivera nesa liza. Pero é certo que vivín as eleccións a nivel xeral e polo tanto tamén na capital. E vin as dificultades que había para conseguir mellores resultados, independentemente de que fomos a forza máis votada.

-Defínese como «leal ao partido». ¿Son malos tempos para a lealdade no PP de Ourense?

-Para ser leal non hai nin bos nin malos tempos. Outra cousa é que esteas máis ou menos a gusto con decisións que se toman.

-¿Vólvese ós tempos de AP e Centristas de «uns» e «outros»?

-Non pasa só no PP. En todos os partidos hai «eles» e «nós». Non quita que estamos nun barco e que todos debemos remar.

-Parece que non todos reman na mesma dirección tralo congreso. ¿Non se puido integrar máis para optimizar os resultados?

-Non é bo separar. Tralo congreso teríase que ter integrado a máis xente na executiva. Había que renovar pero sen apartar, sumando. Ese é un tema que ten que ver quen dirixe o partido.

-¿Como é agora a súa relación con Baltar? ¿Quen marca a quen?

-É boa. Non a que tiñamos antes, con despachos contiguos. Agora José Luis Baltar chama ao delegado e o delegado chama a José Luis Baltar.

-¿Como valora que o movemento 15-M en Ourense proteste só ante Baltar e a Deputación?

-Se en Madrid houbera outro goberno o movemento estaría sendo incentivado. Non quero pensar que alguén o estea facendo en Ourense nese sentido.

-¿Que lle parece o movemento?

-Os políticos teríamos que ser capaces de recoller esa indignación e reducila, arranxando os problemas da cidadanía. O que non é normal é que nun país democrático non sexamos capaces de dialogar para cambiar as cousas pola vía que hai que cambialas.

-Dixo no 2003 que non vía a José Manuel Baltar como sucesor do pai . ¿Non serve para vidente ou quería ser prudente?

-Se o dixen foi porque estaba convencido. Equivoqueime.

-Tamén dicía que o fillo non era o líder que era o pai.

-Sigo pensando que non ten nada que ver o fillo co pai.

-¿Que se pode ser despois de ser superdelegado? ¿Están colmadas as súas aspiracións?

-Nunca soñei con ter un cargo destas características. Así que colmei con moito as miñas aspiracións. Quero seguir traballando onde se considere que podo aportar.

-¿Sempre na política?

-Senón volvería á caixa, que será banco, a empezar de novo. O que teño claro é que non iría ó paro. É bastante máis preocupante o dos políticos que non teñen onde volver.

-¿Ese futuro pasará por Arnoia?

-A miña vida a nivel municipal está esgotada.

«En todos os partidos hay ?eles? e ?nós? pero estamos no mesmo barco»