A Deputación lembrou a Pura e Dora Vázquez

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

A gañadora do premio literario, María Canosa, recordou os consellos das escritoras e a influenza que tiveron nela

11 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A entrega do premio Pura e Dora Vázquez de literatura infantil e xuvenil convértese, de forma frecuente nos últimos anos, nunha descuberta de influenzas e admiracións dos galardoados hacia as desaparecidas escritoras. Onte foi unha entrega especial, a primeira dende o pasamento de Dora Vázquez en setembro do pasado ano, e os premiados desta octava edición foron María Canosa Blanco, polo texto, e Daniel Iglesias Padrón, no apartado de ilustración.

María Canosa, autora de O papaventos de Laura, confesou que era un día especial para ela por dous motivos. O primeiro «por darse a circunstancia de que hai uns anos a gañadora deste premio foi Concha Blanco, miña nai» e, por outra banda, por recoñecer a influenza que nela tiveron as irmáns Vázquez. María Canosa confesou que cando era rapaza «houbo un verán no que o pasei case todo na casa polo mal tempo que facía e daquela adiqueime moito a escibir». Co medo da escritora que fai os seus primeiros textos «paseillos a Manuel Vilas García para que os lera e el pasoullos a Pura e Dora Vázquez para lle deran a súa opinión. Elas foron as primeiras persoas que leron as miñas historias e hoxe, moito tempo despois, teño que recoñecer que se estou aquí é grazas a elas, polo ánimo e as forzas que me diron as palabras coas que me agasallaron».

O gañador do apartado de ilustración, Daniel Iglesias, agradeceu o galardón por ser o seu primeiro recoñecemento «e agardo que me abra portas para seguir na ilustración».