Indignados máis tamén reformistas

Xosé Lois Carreira

OURENSE

06 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Despois de levar varias décadas soportando a exclusiva da irrupción na sociedade como a xeración ni-ni, despois de atribuírlles o interesado mérito de ser os inventores de prodixios socioculturais como o botellón, e despois de ser unha das xeracións de mozos mellor formadas e preparadas que novamente ten que coller as maletas para Alemaña, xa vai sendo hora de outorgarlles algún recoñecemento. E, desde logo, o movemento Democracia Real Ya, 15-M, é toda unha conquista, non só no que atinxe á mobilización social, actitude pacífica, índice de impacto social, estrutura organizativa ou mesmo relación cos medios de comunicación e sociedade, senón o que na cerne do seu discurso e obxectivos están a plantexar: non permitir por máis tempo un modelo social, un sistema gobernamental, un estado de dereito democrático que asume e promociona modelos de comportamento gregario, modelos de interrelación rutinarios ou mesmo modelos de participación social e militancia política instintivos. Modelos estamentais que moitas veces non permiten decidir como queremos o mundo no que vivimos. Non permiten cambiar as cousas cando non estamos conformes. Modelos nos que moitas veces custa moi caro exercer a nosa propia racionalidade, a nosa vitalidade, o que nos fai humanos e cidadáns de pleno dereito. Modelos que mesmo obstaculizan aspirar a un concello mellor, a unha Limia mellor, a unha Galiza mellor, a un mundo mellor rexido por estruturas socioeconómicas onde se recoñeza o esforzo, o traballo, ós emprendedores e a plusvalía engadida da manufactura do proletariado. E o envite está aí, nas portas do Parlamento, nos carrouchos do Congreso dos Deputados, nas fiestras das Cortes Generales del Estado, as que segundo a Constitución representan a cidadanía, transferencias autonómicas incluídas. Pronto a pelota estará no seu tellado a xeito de acertadas e concretas reformas. E non foron os deputados nin os senadores os que as promulgaron, foi unha multitude anónima de indignados máis tamén reformistas.