Animación para despedir a feira

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Cándido Pazó está hoxe na Alameda co seu monólogo «Cunqueiradas»

04 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Feira do Libro de Ourense, nunca mellor dito pola aposta que este ano se fixo polos autores e editoriais ourensáns, comeza a súa recta final cunha importante oferta concentrada na fin de semana. Así, para esta tarde está prevista a presentación do libro de Fausto Isorna Golfiño e os invasores, ás 19.00 horas, e a sinatura de exemplares por parte da xornalista e escritora Elena Gallego Abad -o segundo volume da súa saga Dragal, a herdanza do Dragón- (20.00 horas). As actividades do día pecharanse coa presenza de actor e director teatral Cándido Pazó, que estará na Alameda co seu monólogo humorístico Cunqueiradas.

A animación tamén contará cun protagonismo destacado na xornada do domingo, día no que está programada a actuación do Mago Toño (18.30 horas), e as últimas presentacións correrán a cargo de Francisco Narla (Caja negra) e Adela Figueroa (Madeira de mulher) e desenvolveranse ás 19.30 e 20.30 respectivamente.

Casetas temáticas

Na edición deste ano a Feira do Libro de Ourense conta con 12 casetas, máis a de Secretaría e Información da feira, e a terceira parte das mesmas teñen carácter temático ou representan unha editorial, institución ou proxecto concreto. O libro infantil, o cómic, as publicacións vencelladas ao proxecto da Gran Enciclopedia Galega, o expositor do Círculo de Lectores ou a caseta da Deputación de Ourense representan os espazos da Alameda adicados a proxectos singulares.

No caso do expositor da Deputación de Ourense dáse a circunstancia, a maiores, de que o mesmo só ten carácter expositivo. Na caseta pódense ver os libros editados dende o Servizo de Publicacións da Deputación de Ourense, máis a súa adquisición debe facerse en librarías xa que no expositor non están á venda as obras.

Pechou o programa infantil

Onte procedeuse a clausurar o programa de actividades da feira dirixidas ao público infantil. A Federación de Libreiros de Galicia, organizadora do calendario de feiras que se desenvolven na comunidade, promove en cada convocatoria un calendario de actividades dirixidas aos futuros lectores para que disfruten na feira ao tempo que coñezan a oferta editorial na compaña dos seus familiares. Onte desenvolveuse un obradoiro de decoración de lapiceiros que contou cunha boa resposta por parte dos máis cativos. Xogos cos contos, sesión de contacontos e obradoiro de marcapáxinas completaron a oferta,