«Ourensanía» recolle aos creadores da provincia

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

A revista da Deputación inclúe a escritores, músicos e cineastas

14 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Deputación de Ourense promove unha nova publicación que recolle aos creadores da provincia, nomeadamente escritores e músicos -aínda que tamén directores de cine e deseñadores-, e a súa obra. Con formato de revista e co título xenérico de Ourensanía, o termo acuñado por Luís González Tosar para definir o sentimento de orgullo por pertencer á provincia segundo se recolle na segunda páxina xunto coa ficha técnica da edición, a publicación centra o apartado principal deste primeiro número na creación literaria. Así, a que se define na portada como «Revista de difusión cultural da Deputación de Ourense», os autores aparecen ordeados por criterio alfabético e xunto a unha breve reseña biográfica figuran as obras publicadas, xunto coa súa editorial, a referencia do ISBN e o prezo.

Eduardo Blanco Amor, Diego Ameixeiras, Ramón Caride Ogando, Caneiro, Carlos Casares, Xosé Cid Cabido, Alfredo Conde, Manuel Curros Enríquez, Xosé Fernández Ferreiro, Xosé Manuel del Caño, Álvaro de las Casas, Fernández Naval, Celso Emilio Ferreiro, Luís García Mañá, Camilo Franco, Miguel Anxo Fernández, Luís González Tosar, Bieito Iglesias, Antón Losada, Xerardo Méndez, Xosé Luís Méndez Ferrín, Ramón Otero Pedrayo, Antón e Vicente Risco, Chus Pato, Eladio Rodríguez González, Antón Riveiro Coello, Sotelo Blanco, Cesáreo Sánchez Iglesias, Juan Tallón, Marcos Valcárcel, Fernando Méndez, José Ángel Valente, Pura e Dora Vázquez e Antón Tovar son algúns dos autores referenciados.

Músicos e cineastas

No que se refire ao apartado musical aparecen referencias a grupos como Berrogüetto, Mutenrohi, Kérkennai, Lamatumba, Brañas Folk ou Los Suaves, entre outros, e a artistas como Faustino Santalices, Cristina Pato, Marcos Díaz, María do Ceo ou Marco Foxo.

Ourensanía tamén inclúe información dos cineastas Rodrigo Cortés, Eloy Lozano, Ignacio Vilar, Fernández Román, José Suárez e Carlos Velo.

En canto ás referencias vencelladas ao mundo do deseño son tres as fichas: unha referida a Adolfo Domínguez e á súa filla Tatiana, outra de Purificación García e a terceira centrada en Roberto Verino, na súa faceta como deseñador e como adegueiro.