«No rural non se vota aos partidos senón ás persoas»

Cándida Andaluz Corujo
CÁNDIDA ANDALUZ OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Asegura que o ambiente que percibe e de lograr maioría absoluta

11 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Xosé Xaquín Rodríguez é quizais o candidato ourensán que baseará máis a campaña electoral na súa persoa que no seu partido. Consciente de que o seu paso do BNG a independente e agora ao PP pode non ser entendido, cre que no rural o máis importante é a persoa e o seu traballo.

-¿En que basea a súa campaña electoral?

-Hai tres piares fundamentais que teñen que ver co desenrolo económico da vila. Primeiro co plan xeral de chan industrial, tras esperar nove anos, que nos permitirá ter una parque empresarial. O segundo é a cuestión económica. Desenvolvendo accións na gandería, agricultura e no tema forestal, colaborando en explotacións xunto ás comunidades de montes. O terceiro dos nosos piares será traballar na demanda de concentracións parcelarias; ademais traballaremos en medidas ambientais e en cuestións do patrimonio.

-O desemprego é un problema importante.

-É a nosa preocupación máxima e nós vimos loitando dende hai tempo. As obras que se fan no concello as facemos nós para contratar a persoas do concello e iso se ten valorado. Porque é importante que cheguen cartos para obras, pero tamén que as familias vexan niso un aporte económico para eles necesario.

-Fálenos da candidatura. Ao final vai a xente do PP e outros que estiveron con vostede en anos anteriores, na candidatura.

-Ao final integramos á xente do Partido Popular por respecto e polos méritos que teñen. E tamén a xente que estivo comigo anteriormente.

-¿Como foi o reparto?

-Foi equitativamente un de cada nós entre cada un deles. Empezando por min, que son o candidato.

-Será importante para vostede a loita para que o pobo o relacione agora co Partido Popular. Coa papeleta o día do voto.

-O voto en lugares como Rairiz é moi persoal. Será o voto a Xaquín. No rural non se notan os partidos, senón as persoas. Os nosos méritos son a traxectoria e o traballo feito. A fiabilidade.

-Será necesario contar coa maioría absoluta para gobernar en Rairiz de Veiga.

-Penso que o ambiente é de maioría absoluta. Pateamos todas as aldeas e pensamos que as cousas poden ir incluso mellor que hai catro anos. Nunca tiven tanta xente que se ofrecera a ir na lista. Os do PP valoran a miña presenza e non tiven problemas con ningún e tentamos de entendernos dende o primeiro momento.

-¿De que maneira se preparou o programa electoral? ¿Foi distinto ao que presentaría se fose noutras listas?

-É cuestión de analizar a problemática local e o programa é o mesmo que faría en calquera partido. Hai uns obxectivos principais. Nunca pensei, nin antes nin agora, que ninguén que non fora eu fixera o programa. O que mellor coñece as necesidades de Rairiz de Veiga ou de calquera outras localidade é o alcalde, porque durante estes anos reuniuse con moita xente que lle contou o que necesitaba e estivo no día a día da localidade.

XOSÉ XAQUÍN RODRÍGUEZ ex aLCALDE do bng E CAndidato dO PP EN RAIRIZ DE vEIGA

Xosé Xaquín Rodríguez ten 43 anos e naceu en A Saínza, Rairiz de Veiga.

Profesión

É axente forestal da consellería de Medio Ambiente e está en activo.

Un dos seus grandes hobbies é o deporte e en concreto o ciclismo. Asegura que o practica facendo distintas rutas polo concellos. Unha actividade que lle serve para «despexar a cabeza». Tamén é afeccionado á lectura e gústalle estar cos seus amigos.