«Se Lady Gaga triunfa, algo ten»

mariluz ferreiro REDACCIÓN

OURENSE

11 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O candidato do BNG en Catoira non toca de oídas. É un clásico da música galega, Nando Casal (Catoira, 1953), gaiteiro de Milladoiro.

-¿Que tipo de música lle gusta?

-Clásica, rock, jazz... Son moi ecléctico. Desde Tchaikovsky ata Mozart pasando por Sting. Boa música de calquera tipo.

-¿Que lle parece Lady Gaga?

-Non entra moito no meu. Ten detrás unha forte mercadotecnia. Pero se Lady Gaga triunfa, algo ten. Para comunicar nun escenario precisas talento.

-¿É esixente como público?

-É raro que non atope algo que mereza a pena nun concerto. Manuel Gutiérrez Aragón di: «Se hai unha soa escena que emocione ao público nunha película, doume por satisfeito». Milladoiro sempre foi ben tratado polo público. Eu a veces escoito a un clarinetista que toca na rúa en Vilagarcía e penso: «Toca como Dios, se tivese oportunidades, triunfaba».

-¿Con que muiñeira se queda?

-Coa do Areal, dos Areeiras de Catoira. É un tema sen pretensións que chegou moi lonxe.

-¿Na súa familia cantan nas sobremesas?

-A familia Casal é festeira. Meu pai, para darnos estudos a min e a meu irmán, traballaba seis días á semana e os domingos era camareiro nun restaurante de vodas. Ceabamos alí coa miña nai e acababamos cantando música popular galega. Nas casas antes non había tele e xogabamos as cartas, falabamos e cantabamos. Na miña casa só hai unha tele.

-É músico e farmacéutico.

-Fixen a carreira e estudei no conservatorio en Santiago. Había un gran movemento a prol da lingua, da cultura, foi unha ampla aprendizaxe. Hoxe tendemos cara un ensino vertical. Saber moito de algo, pero do resto, nada. Aos meus fillos deilles unha educación horizontal.

-¿Que é o que máis se receita?

-Antidepresivos e ansiolíticos. A xente estao pasando mal.

-¿Receitas para ser feliz?

-Ler o momento que toca vivir. Dicíao Saramago. Morrer é unha faena pero é preferible a que che prolonguen a vida con oitenta e tantos.

-¿Que ten de viquingo?

-¡Espero que non sexan os cornos! Hai esa cousa de que os celtas son rubios e altos. Eu son rubio, pero baixo. Pero temos afinidade cos nórdicos. Bo rollito.

-¿Participou no desembarco?

-¡Claro! Aos 15 ou 16 anos case é unha obriga.

non me fale de política nando casal tascón, candidato do bng en catoira