Iván Puentes: «Podería estar tres días escoitando a Punset»

mariluz ferreiro REDACCIÓN

OURENSE

Cabeza de lista del PSOE en Fene

08 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

No 2007 foi o ciberpolítico. E o socialista Iván Puentes Rivera (Fene, 1980) chegou á alcaldía do seu concello. Tentará seguir no cargo. Pero agora o seu blog está menos activo, «porque é unha ferramenta que está un pouco en decadencia».

-¿Está enterrando xa os blogs?

-¡Non! Pero agora temos as redes sociais, que son máis instantáneas.

-¿Facebook ou Twitter?

-Facebook e Twitter. Son un veciño máis do meu concello e teño os vicios e as tendencias da maioría. Se vivira en Andalucía diría Tuenti. Facebook gústame moito, é a rede social por excelencia, a máis versátil. Grazas a un amigo que é un rei da tecnoloxía, teño conta en Twitter desde o 2007. Eu dicía que era un coñazo. Visión de futuro tiven pouca. É unha fonte de información. E limitar os carácteres agudiza o enxeño, de aí saen grandes frases.

-¿Viu «A rede social»?

-Si. Pensei: «¿Cómo non se me ocorreu a min? ¿Como vivía eu sen Internet, sen correo electrónico?». O Messenger era unha pasada e agora é prehistórico. Alguén está ideando algo agora mesmo que será o futuro. Teño claro que non son eu.

-¿PC ou Mac? ¿Blackberry ou iPhone?

-Teño un portátil, un Mac que me trouxeron os Reis, e unha Blackberry que me regalou a compañía telefónica. A miña muller ten un iPhone.

-Traballou na TVG e colabora con «Vía V». ¿Cando suou máis debaixo dos focos?

-A primeira vez que estiven diante dunha cámara para unha gravación da TVG. Non sabía que facer coas mas. Tamén suei nun casting para presentador do Telexornal no que había que improvisar. Nunca esquecerei a frase que tiña que dicir: «O papa Xoán Pablo II ordenou hoxe a corenta e catro novos cardeais». E súo nas discusións con Xaime Pita no Vía V de V Televisión...

-¡Non me fale de política!

-É certo, é certo.

-Admira a Woody Allen e a Punset. Punset ben podería saír nunha película de Allen.

-¡E Woody podería ser entrevistado por Punset! Woody Allen, cos seus guións, é a perfección. Cada vez que estrea película, véxoa. E Punset ten o punto ese de Woody Allen. Cando sae na tele quedo alucinado, coa boca aberta. Transmite a súa gran sabedoría aos que non temos o seu nivel intelectual. Podería estar tres días enteiros escoitando a Punset.

-É falador. ¿Algunha vez quedou sen palabras?

-O día da miña voda. Miña sobriña leu un poema, estaban os meus amigos...

-É afeccionado aos viaxes. ¿Cal foi o máis esperpéntico?

-Nun a Túnez pasoume de todo, incluída a electrocución dunha persoa que, afortunadamente, non morreu. Pero o máis apaixonante foi facer dúas veces o tramo galego do Camiño de Santiago. É un mundo totalmente distinto ao lado da casa. E cada día pásache algo diferente.

-Estudou Publicidade e Relacións Públicas. Defínase cun «slogan».

-Unha persoa normal e natural. Un máis.

non me fale de política iván puentes rivera, cabeza de lista do psoe en fene