«As decisións no concello son totalmente personalistas»«Bande converteuse só nun lugar de paso»«Tivemos dous anos de bipartito pouco solidario con Bande»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

07 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Para o candidato do BNG en Bande, David Pérez, o mandato que está a piques de rematar caracterizouse por «ser como calquera concello con maioría absoluta, con decisións totalmente personalistas. O alcalde aglutina todos os poderes e todas as áreas», explica. Para o nacionalista un dos problemas fundamentais dos anteriores catro anos foi a desaparición de moitos negocios na localidade. «Vemos que a poboación segue marchando e segue quedando poboación envellecida polo pouco traballo».

Os obxectivos principais do programa do BNG baseanse en crear emprego e para conseguilo céntranse en tres áreas: recuperar a riqueza termal de Bande, facer un complexo turístico deportivo que funcione a diario; a creación de solo industrial e a creación dun centro de día e de ocio. «Parécenos básico que coa nosa riqueza natural se cre vida nel cunha brigada alí que coiden os montes e que impidan os incendios».ó

É a primeira vez que María José Blanco se presenta a unhas eleccións municipais e ten claro que unha das preocupacións principais do concello é a do despoboamento. «Bande perdeu moita xente nos últimos anos. Somos moitos os mozos que temos que ir a traballar fóra», asegura para continuar: «Non existen postos de traballo, cerran as tendas e os negocios. Bande converteuse só un lugar de paso». Un dos eixos fundamentais do programa electoral do PSOE na vila será o de Sanidade. Propoñen dotar á localidade dun centro médico con novas tecnoloxías. «Queremos axudar ás persoas que non se poden desprazar», di.

A portavoz socialista, María José Blanco, destaca ademais a necesidade de potenciar os servizos de axuda a domicilio e no tema económico crear postos de traballo a través de facilitar o establecemento de novas empresas no concello e tamén da aposta polo turismo ao longo de todo o ano.

Este será o seu primeiro exame. O alcalde de Bande, José Antonio Armada presentase ás eleccións convencido de que acadará a maioría.

-Termina o seu primeiro mandato en Bande. ¿Como resumiría estes anos?

-Estes catro anos non foron os mellores para facer proxectos. Por un lado tivemos dous anos de bipartito pouco solidarios con Bande, en concreto co centro socio comunitario e co polígono industrial. Non nos laiamos de que non se fixera. Imos buscar as fórmulas de cara aos próximos catro anos, de orzamento para que estes proxectos sexan unha realidade e vaian para diante.

-¿Que pasou, entón, nos últimos dous anos, con cambio na Xunta?

-Foron totalmente radicais. O investimento cambiou moito. Houbo unha implicación a nivel orzamentario, por exemplo no campamento romano de Aquis Querquennis. Tamén conseguimos a incorporación de Rede Natura o Parque Natural e a posterior inclusión na Reserva da Biosfera. Tamén empezamos a artellar as liñas mestras do que ten que ver coas infraestruturas que queremos por en marcha ao longo destes futuros catro anos. Puxemos os piares sobre os que imos traballar. Porque ás veces a burocracia é lenta, sobre todo no que se refire a temas termais.

-Entón ese será o futuro, facer realidade o tema burocrático.

-Así é. Consideramos que o termalismo pode ser un dos acicates que nos axude a sentar poboación.

-¿Cales serán en concreto as infraestruturas que será realidade?

-Poremos en marcha o centro socio comunitario, o centro de formación ocupacional e todo o que é o complexo de Aquis Querquennis. Outra das apostas fortes dos próximos catro anos será o proxecto duns viveiros e sementeiros. Daremos as árbores aos veciños para que as coiden, creando un sistema cooperativista para que aproveitemos as terras que están abandonadas.

-Confía en repetir a maioría.

-Está claro que o PP ten que ter a maioría absoluta, non hai outra maneira.

josé antonio armada alcalde e candidato do pp

José Antonio Armada ten 36 anos e é nacido en Bande. Está licenciado en Dereito.

Chegou ao Partido Popular primeiro formando parte de Novas Xeracións, sendo secretario provincial. Posteriormente, con 32 anos, no pasado ano 2007, chegou á alcaldía de Bande.

María José Blanco ten 38 anos é nacida en Vilar no Concello de Bande e é de profesión orientadora nun colexio.

Chegou á política este ano e xa como candidata, da man de persoas que a animaron a liderar a lista do PSOE polo concello.

David Pérez López ten 38 anos e naceu en Bande. É arqueólogo e na actualidade traballa en Rairiz de Veiga levantando un miliario romano que apareceu no pé da Vía Nova.

É a segunda vez que encabeza a lista do BNG na localidade.