«A dereita ourensá debe recuperar a Cuevillas»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O autor aposta por aproveitar os prantexamentos do «cenáculo ourensán» para implicarse co galeguismo

15 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Na librería Duen de Bux presentaba onte o seu libro O pensamento político de Florentino López Cuevillas Juan Manuel Casares Gándara. No seu argumentario Casares Gándara reivindica con convencimento a necesidade de que a dereita galega recupere a identificación con Galicia e co galeguismo como referencia, se quere contar de verdade co apoio dos galegos, e neste caso dos ourensáns, de forma singular e non de xeito puntual e concreto.

-¿Como desenvolve vostede este proxecto?

-O pensamento político de Florentino López Cuevillas é froito dun traballo de investigación desenvolvido no ano 2008, coincidindo coa conmemoración do 50 cabo de ano do pasamento de Cuevillas e o obxectivo é que se converta nunha homenaxe ao que eu considero unha figura senlleira de Galicia.

-¿Conservador, tradicionalista e católico?

-Si. Non hai que terlle medo á realidade, porque iso é o que queren algúns para empregar en beneficio propio a tradición e o bagaxe cultural e político deste país. Cuevillas foi unha figura senlleira que non desmereceu á xente do cenáculo ourensán -Risco, Otero, Noguerol- e que en moitos casos foi máis alá da implicación dos seus compañeiros. O que pasa é que, a diferenza destes, non conta cunha obra escrita que o faga un autor de referencia.