«O PP usa a miña traxectoria e eu as siglas e a infraestrutura»

OURENSE

«Non pode ser que antes fora un xenio e agora tan malo como di o BNG»

27 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O que era un segredo a voces é xa unha realidade. O alcalde de Rairiz de Veiga presentarase ás elección polo Partido Popular. Apartado hai dous anos do BNG e despois doutros dous coma independente di que utilizará unhas siglas nas que non cre, para volver a ser alcalde.

-¿Que foi finalmente o que inclinou a balanza?

-A semana pasada reuninme co presidente do Partido Popular en Ourense e ofrecéronme a posibilidade. Tamén co comité local porque quería que o souberan e coñecer a opinión deles. Non podes chegar como un intruso. Pregunteilles se tiñan a outro candidato e que non me parecería mal. Levo dous anos fora do BNG e creo que é tempo prudencial e suficiente de transición e de reflexión como para agora decidir o que vou a facer, e para respectar ás siglas das que fun parte.

-Moita xente non vai entender o seu paso ao Partido Popular, pola ideoloxía e polas críticas que tamén recibiu deles.

-Unha das condicións que puxen ao PP foi que se renovara o equipo local. Que fose eu o que fixera a lista. Non ten sentido que me estiveran machucando e que logo queiran ser todos compañeiros. Sempre falo dende o punto de vista dunha persoa independente. Eles usan a miña traxectoria e eu as súas siglas e a súa infraestrutura. Non vou a militar no PP e non penso militar nunca. Evidentemente a vida dá moitas voltas pero nunca fun do PP nin a miña forma de xestionar ou de ser son das que se entenden dun do PP ao uso.

-Pero terá que facer campaña.

-Como dixen, aproveito unha oportunidade que me dan unhas siglas e a infraestrutura. O explicaría como unha simbiose. A nivel dun concello pequeno a ideoloxía do alcalde e o partido que representa non conta. Maioritariamente vótase á persoa. Na miña experiencia, no momento que deixamos facer campaña polo Bloque, por exemplo nas eleccións europeas, o Partido Popular é o que gaña aquí as eleccións. A mentalidade é de xente de dereitas.

- Tampouco ten xa amigos no BNG. Acúsano de frear o desenvolvemento da súa localidade e de toda a comarca.

-Non pode ser que antes fora un xenio e agora sexa tan malo como di o BNG. Nin tanto nin tan pouco. Hai catro anos que era un exemplo de xestión, sobre todo para os que din que son un lastre para a comarca. Cando Pérez Bouza era candidato en Porqueira fixo unha campaña baseándose na xestión de Rairiz, cuns carteis onde figuraban obras e servizos feitos en Rairiz.

Nin tanto nin tan pouco. Que me expliquen por que son un freo na comarca cando hai catro ano era un exemplo de xestión.

Sorprendeume moito.

-Un dos que falou da súa xestión dentro do proxecto da reserva da Biosfera foi o alcalde de Allariz.

-O alcalde de Allariz di que eu paralizo proxectos da reserva. Eu na reserva sempre fun o máis colaborador posible. O alcalde de Allariz é o presidente da comisión da Reserva da Biosfera e el terá a máxima responsabilidade se non hai xestión. Que me explique que proxectos paralicei, porque non os coñezo. Volvemos ao mesmo. En todo caso habería que facelo pensar o que se reformule quen leva a deriva a quen. Se eles son máximos responsables de que haxa unha desbandada total no partido. Moitos concelleiros, militantes e simpatizantes deixaron de selo. ¿Quen leva a deriva ao concello? Habería que preguntarse quen leva á deriva a quen. Todos temos algunha responsabilidades nisto.