Aute, Fernández Naval e Caneiro participarán nos Encontros Literarios do Liceo de Ourense

La Voz OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

13 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

Os Encontros Literarios do Liceo de Ourense estiveron dende o primeiro momento vencellados á figura dun nome clave da literatura galega do pasado século: Carlos Casares (Ourense, 1941 - Vigo, 2002). Unha testemuña que foi recollida pola Sección de Literatura do Liceo, baixo a dirección do finado historiador e escritor Marcos Valcárcel. Na Deputación presentouse onte a programación dos XXI Encontros Literarios do Liceo, que este ano se desenvolverán baixo o epígrafe temático de Música e Literatura. José Luis Troitiña, xerente do Liceo, José Luis Baltar e María Lameiras, vicerrectora da Universidade de Vigo, foron os encargados de presentar a oferta dos Encontros.

As citas deste ano comezarán o luns, día 17, coa conferencia que impartirá Luis Eduardo Aute baixo o título Animalario. A segunda das entregas dos Encontros 2011 está fixada para o día 24 de xaneiro e correrá a cargo do escritor ourensán Francisco X. Fernández Naval, quen centrará a súa participación nunha disertación que levará por título O ritmo da chuvia. O verinense Xosé Carlos Caneiro será o encargado de pechar a edición destes Encontros Literarios o día 3 de febreriro co recital de poesía que leva por título Poemas de amor para tempos difíciles. Na súa nova proposta cultural Caneiro está acompañado á guitarra por Xosé Manuel Salgado. O recital Poemas de amor para tempos difíciles chegará á cidade por segunda ocasión en pouco tempo, xa que foi programado pola Deputación de Ourense o pasado 23 de decembro no Teatro Principal.

As tres sesións dos encontros comezarán ás 20.15 horas na aula de cultura do Liceo. O xerente da institución, José Luis Troitiña, agradeceu o apoio da Deputación e da cátedra Carlos Casares para manter o proxecto.