Miguel Anxo Fernández e Diego Ameixeiras xa venden obras en formato dixital

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

08 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

O Nadal serviu, entre outras cousas, para dar a coñecer os produtos tecnolóxicos que constituían un interesante agasallo para estas datas. Na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística aparecen recollidos moitos destes produtos tecnolóxicos, dende os libros electrónicos aos terminais de teléfonos móbiles que teñen incorporado o galego como unha das opcións do seu menú.

No apartado referido aos libros electrónicos, ademais de facer un repaso das características dos equipos e dos que contan cun menú en galego, Política Lingüística incide no feito de que xa existe «a posibilidade de adquirir obras en formato electrónico na nosa lingua» e cita o exemplo de Galaxia. A editorial ten dispoñibles na actualidade un total de 72 libros en formato PDF a través da plataforma Todoebook. Na actualidade pódense mercar obras de grandes mestres das letras galegas como Eduardo Blanco Amor (neste caso A Esmorga), Ramón Otero Pedrayo (A Lagarada, Arredor de si) ou Rosalía de Castro (Follas Novas) xunto a títulos de autores actuais como Miguel Anxo Fernández (Un nicho para Marilyn), Álvarez Cáccamo (Vento de sal ) ou Yolanda Castaño (O libro da egoista). A política de Galaxia no que atinxe ao libro dixital pasa por ir incorporando todo o catálogo da editorial a este novo formato.

Outro autor ourensán, Diego Ameixeiras, tamén conta con título xa en dixital: Dime algo sucio (Xerais). A editora tamén oferta varios títulos en Todoebook, entre outros a publicación Sete palabras, do escritor Suso de Toro.