«Temos o servizo de recoller aos nenos cando saen do colexio»

Miguel Ascón Belver
Miguel Ascón OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

09 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Ludoteca Ludo 3, a única que existe na comarca de A Limia, abriu as súas portas a semana pasada. Belén Pozo, de 35 anos e veciña de Xinzo, coordina o servizo xunto coa súa compañeira María Blanco. Formadas especificamente para este traballo teñen xa experiencia na busca de respostas para as necesidades dos veciños de Xinzo. Agora coa ludoteca afondan nesa idea porque, tal e como recolle a súa publicidade citando a Chateau , «o neno que non sabe xogar será un adulto que non saberá pensar».

-¿Cantas prazas ten a ludoteca?

-Temos prazas para corenta nenos e vai de 2 a 12 anos. Os nenos de 2 normalmente veñen pola mañá e pola tarde os de 3 a 12, que son os nenos que van ao cole. Ademais temos un servizo de recoller os nenos cando saen do colexio e funciona moi ben porque así as nais e pais que traballan se despreocupan de ter que ir a buscalos.

-¿Que fan os nenos mentres están atendidos por vós?

-Os nenos que teñen deberes, fan os deberes, merendan e temos todos os días algunha actividade. Ou ben facemos un obradoiro ou ben algunha festa temática como por exemplo agora que ven o Samaín, ou o magosto, etcétera.

-¿Están todas as prazas ocupadas?

-Hai días e días, porque temos dúas modalidades. Hai nenos que veñen todas as tardes e outros que veñen puntualmente un día concreto. Hai días que chegamos a trinta ou trinta e pico nenos e outros que non pasan de vinte.

-¿Hai competencia na comarca de A Limia no mundo das ludotecas?

-Non, de feito esta é a única ludoteca que hai na mancomunidade e veñen nenos de outros concellos como Trasmiras ou Sarreaus, de toda a comarca de A Limia.