A influencia do castelán perxudica a conservación dos nomes galegos

David R. Seoane OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

Os haxiónimos, lugares con nomes de santos, son os exemplos onde a lingua de Cervantes ten unha maior presencia

03 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A pesares de que hoxe en día cada vez son menos os topónimos que acusan esta eiva, o certo é que a presencia do castelán ten influido de xeito moi negativo na conservación etimolóxica das palabras galegas que dan nome aos espacios poboacionais que se espallan por toda a xeografía de Galicia.

Grandes aberracións trasnoitadas da lingua, que durante moitos anos foron usadas de a cotío tanto na fala coma nos documentos xerados polas entidades públicas, foron pouco a pouco sendo retiradas da oficialidade aínda que seguen a ser empregadas, en ocasións, no uso lingüístico de algunhas persoas castelanfalantes. Exemplos destes casos poden ser Ginzo de la Limia (Xinzo de Limia), Carballino (O Carballiño), Niño de la Guía (Niñodaguia) ou La Valenzana (A Valenzá).

No que atinxe á toponimia ourensá os castelanismos aínda poder ser vistos nos sinais indicativos de núcleos poboacionais de moitas estradas pero, case sempre, en rótulos e letreiros moi antigos como pode ser o caso dun sinal chantado á entrada da aldea de Mirós, no concello de Riós, coa forma castelá «Mirones», ou doutros lugares chamados normativamente A Igrexa ou A Eirexa cando nos seus carteis figura La Iglesia ou sinxelamente Iglesia. Aínda así o traballo arreo da Comisión de Toponimia da Xunta que completou no ano 2003 a ardua tarefa de fixar as formas gráficas dos máis de 37.000 nomes de entidades de poboación que existen en Galicia (máis de 4.300 na provincia de Ourense), así como dos nomes de parroquias e concellos ten feito moito por estirpar este tipo de incorreccións.

Os santos falan castelán

Aínda hoxe os haxiónimos seguen a ser empregados, moitas veces, na súa forma castelá. San Esteban no lugar de Santo Estevo, San Xulián no canto de San Xián ou Xiao, San Nicolás por San Nicolao ou San Andrés por Santo André...