O Pen Clube recoñece a Ourense como a «cidade literaria de Galicia»

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

05 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Pen Clube de Galicia apostou por darlle presenza á súa Bienal Literaria Internacional na comunidade, non só en Compostela, e Santo Estevo de Ribas de Sil e a cidade de Ourense acolleron onte a escritores de diferentes países iberomericanos e do Estado para participar nos encontros da xornada Auria das letras de ouro.

En Santo Estevo desenvolveuse un coloquio con autores iberoamericanos e outro sobre as novas propostas narrativas do Estado e en Ourense houbo un acto de presentación das actividades da bienal e un recital baixo a convocatoria de Ourense de poetas.

No Centro Cultural da Deputación de Ourense o presidente do Pen Clube de Galicia, Luís González Tosar, reafirmouse en que «o ciclo que nos encargou o Pen non podía deixar de traer aos nosos compañeiros a Ourense porque temos un compromiso con esta cidade» e lembroulle aos participantes no encontro que «estamos en Ourense non por casualidade, senón porque Ourense é a cidade literaria de Galicia por excelencia». Na súa intervención referiuse Tosar, entre outros aspectos, a que o Pen ten unha particular defensa e consideración, desenvolvendo as súas coñecidas campañas, hacia os escritores presos ou perseguidos «e en 1972 unha das súas campañas foi en defensa dun escritor galego perseguido, que hoxe está aquí e é o presidente da Real Academia Galega: Xosé Luís Méndez Ferrín».

O presidente da Real Academia Galega recoñeceu que «en Ourense aconteceron as historias máis fermosas e duras da miña vida, as mesmas que seguramente terían nos seus primeiros anos e na adolescencia todos os presentes» e que «Ourense é unha cidade moi literaria e representada non só pola narrativa, de feito hoxe imos desfrutar do Ourense dos poetas, e é unha cidade tan literaria como París, San Petesburgo, Bos Aires, Moscú ou Londres, obviamente na medida dunha comunidade como a nosa». No seu discurso aos membros dos diferentes clubes Pen reunidos nesta bienal Méndez Ferrín lembrou que a cidade, foi, «por riba de todo iso un centro culltural de primeiro orde no que xurdiron experiencias como a Revista Nós e a Xeración Nós e que conta cunha historia cultural moi poderosa e cun fondo e inmenso capital simbólico».