«O simposio será atractivo para o público en xeral»

OURENSE

16 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Ademais de dirixir a cátedra que leva o nome do poeta ourensá na Universidade de Santiago de Compostela, Claudio Rodríguez pode presumir tanto da amizade como do coñecemento sobre a figura do poeta, feitos, que aportan un criterio na organización do próximo congreso.

-¿Como definiría a relación entre Valente e a súa cidade natal Ourense?

-Referiríame a ela como unha relación verdadeiramente indisociable xa que ficou para sempre en Ourense aínda que vivira fora practicamente dende que marchou a estudar fora. O pouso de Ourense foi extraordinario, xa que lle quedou a infancia e a lingua, algo que sempre utilizou para falar e escribir.

-¿Cal é o público obxectivo do congreso?

-Esta pensado como un evento para o público xeral xa que non é un congreso de especialistas para especialistas, que inda que estarán para falar en determinados momentos das súas especialidades, o simposio está pensado con todos os atractivos posibles para o público en xeral, xa que contará ademais de coas conferencias e mesas redondas, con recitais poéticos destinados ao público xeral ao ser un actividade artística contando con poetas vinculados a Valente tanto de Galicia como de fora de Galicia, que poden ser de extraordinario interese para todos como Antonio Gamoneda, que o mesmo Valente consideraba o mellor poeta español vivo, ademais de ser ó último poeta español que obtivo o Premio Cervantes.

-E no campo da música, ¿que se verá?

-Falarase da moita relación de Valente coa música, unha arte da que disfrutaba moitísimo e sobre a que se falará en diversas conferencias, ademais doutras actuacións en directo que tamén serán do interese do público en xeral. O que eu considero o principal músico contemporáneo español, Mauricio Sotelo, tamén participará cunha obra de homenaxe a José Ángel Valente interpretada por músicos galegos, polo que creo que tamén é unha oferta de interese para todo o público que asista.