«Temos que ir a unha reorganización de municipios»

La Voz

OURENSE

30 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Non é o alcalde de Rairiz de Veiga un home extravertido. Máis ben é fuxidío e nada partidario de exteriorizar emocións. A pesares dos seus 41 anos, leva 16 metido na política. Entroulle o virus en Allariz cando estivo nunha escola taller e despois como asalariado no concello que dirixía Anxo Quintana. Alí empezou a imbuírse do espírito de Allariz que se trasladou a Rairiz e Vilar de Santos. No 95 («¡có PP no poder», como lle gusta puntualizar) aprobou unhas oposicións a Xunta. Neste momento ten dedicación exclusiva pero a súa intención é reincorporarse o traballo de garda forestal da Consellería de Medio Rural a primeiros do outono. Di estar cargado de ilusións para rematar proxectos importantes para Rairiz como a concentración parcelaria, o desenrolo do Plan de Urbanismo, a creación dun parque empresarial e a posta en marcha da primeira planta de biogas que existirá en Galicia e coa que pretende, entre outros obxectivos, solucionar o problema dos puríns que ten no concello. Aquela ilusión que traía de Allariz foise mudando en pragmatismo. Aí está o traballo que lle custou abrir unha residencia da terceira idade da que hoxe está orgulloso porque está integrada no centro do pobo con paso directo ao centro de saúde e evitando que os maiores de Rairiz teñan que emigrar de vellos. Está preocupado pola baixa natalidade pero, recorda, ese é un problema colectivo do rural galego que cree ten que unirse: «Estou seguro que temos que ir a unha reorganización de municipios pero o problema é cómo. ¿Quen é o primeiro? ¿Quen obriga a quen a xuntarse con quen?». Antes de ver iso, que quizais non o vexa, intentará limpar unha imaxe de que no seu concello non se respectan os dereitos dos traballadores ou se practica mobbing: «Aquí non hai nada de acoso nin de mobbing. Hai denuncias da CIG pero despois tamén hai sentenzas e as máis importantes demostran que iso é falso».