«A distancia moitas veces limita a nosa labor»

OURENSE

A entidade atende a enfermos de cancro de toda a provincia ós que asesora e acompaña na súa doenza

12 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Asociación Española contra el Cáncer de Ourense renovou onte o convenio subscrito o ano pasado co concesionario Ford Tomóvil. A firma proporciona á entidade un vehículo para que esta poida desenvolver tarefas de acompañamento domiciliario de enfermos e familiares en distintos puntos da provincia. Francisco Aguiar é o traballador social desta oenegué de amplo percorrido.

-¿Cal é a importancia deste convenio?

-É un impulso moi importante, porque o empregamos para todos os programas domiciliarios, nos que atendemos psicoloxicamente e socialmente a moitas persoas, sobre todo pacientes paliativos. Tamén facemos desprazamentos polas comarcas, tanto ó Barco de Valdeorras, onde temos unha sede, como no hospital comarcal de Verín. Será para os profesionais e os voluntarios.

-¿Axudará a mellorar as condicións da atención no rural?

-Somos unha provincia bastante dispersa e chegar a todos os núcleos de poboación é moi difícil. Por iso, contar cun vehículo axuda moito. En materia de divulgación contamos coa colaboración de asociacións da provincia, pero ás veces a nosa labor é limitada polas distancias.

-O de onte é un convenio que se renova.

-Estamos moi satisfeitos. De momento estamos utilizando un vehículo, pero están dispostos a cedernos máis. Isto tendo en conta a nosa limitación en canto a recursos humanos. De momento co que nos deixan é suficiente.

-¿Cre que a cidadanía coñece a labor concreta da asociación, máis alá das siglas?

-Eu penso que pouco a pouco vai cambiando. É unha das organizacións máis consolidadas a nivel estatal, aínda que en Ourense leva menos tempo, e polo tanto, polos anos que ten de traxectoria, evidentemente é coñecida. Ó mesmo tempo creo que somos coñecidos, pero hai que lanzar cada vez máis unha imaxe de transformación e proximidade que penso que pouco a pouco se está conseguindo. Igual que os Servizos Sociais experimentaron unha transformación para adaptarse ás novas necesidades, a nosa asociación tamén. Estamos facendo un esforzo moi importante neste sentido.

-¿Esa transformación vai parella ós cambio no ámbito do cancro?

-Todas estás cuestións están en continua transformación, a nivel médico e social. Hai que dicir que nós temos unha labor moi importante a nivel de divulgación, colaborando coas administracións no ámbito da prevención e con programas enfocados a pacientes e familiares. Nós o que procuramos facer é un acompañamento no proceso, que é distinto para cada persoa: depende do prognóstico, do tipo de cancro ou dos recursos persoais.