O Bispado pide ós Amigos do Couto Mixto que deixen a igrexa de Santiago

Jesús Manuel García

OURENSE

13 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Bispado de Ourense enviou unha carta aos Amigos do Couto Mixto onde lles deu permiso para celebrar onte, como todos os anos, o acto de recepción dos tres novos xuíces honorarios na igrexa parroquial de Santiago de Rubiás. Nesta ocasión o vicario xeral pedíalles como condicións, retirar o Santísimo do sagrario, non utilizar o presbiterio do templo e ocupar só a nave; lémbralles que esa igrexa é un lugar sagrado e pídelles que se garde a compostura. Na carta amósase unha preocupación polo «uso da igrexa para celebrar actos culturais» e recoméndase que a partires de agora os Amigos do Couto Mixto busquen outro local onde celebrar os seus actos.

Onte, en efecto, o acto non ocupou o presbiterio. O presidente do colectivo e xefe superior de Policía de Galicia, Luis García Mañá, subliñou que «a carta é sorprendente porque sempre houbo respecto máximo á igrexa. Eu mesmo contactei co bispado e lle dixen que onde eu estivera tería garantido o máximo respecto ó lugar sagrado». García Mañá advertiu aos presentes que estaban nun templo católico. «Dóeme que un lugar abandonado aínda se abandone máis doutras maneiras. Nós non podemos permitir que se ofenda o sentido do lugar. Alí están soterrados os veciños antigos do Couto Mixto e os mortos son do pobo. E se lle engades que historicamente esa igrexa é o lugar onde se garda a arca dos privilexios do Couto Mixto como lugar de máxima significación, a carta do Bispado de Ourense resulta sorprendente». García Mañá dixo que lle doe o abandono do templo «e os veciños son os que máis se resenten de que non volvamos».

Denuncia

No seu discurso, o presidente denunciou o abandono da república esquecida a pesares de ser declarado zona de especial interese polo Congreso dos deputados e polo Parlamento de Galicia. «Incluso esta igrexa está vencida por non ser rehabilitada, ten un significado enorme na historia do Couto Mixto».

As verbas de García Mañá foron seguidas por un silencio sepulcral das moitas persoas que seguiron o acto. Alí tomaron pose como novos xuíces de honra Gonzalo Jar Couselo, escritor, Antonio Lourenço Fontes, etnógrafo e Xosé Rodríguez Cruz, etnógrafo.

Asistiron entre outros o xeneral xefe da Garda Civil en Galicia, o coronel de Ourense, o subdelegado do Goberno, o fiscal xefe de Galicia, os alcaldes de Baltar, Calvos de Randín, Cortegada e o da Cámara Municipal de Montalegre (Portugal), ou o escritor luso Bento da Cruz. Leuse unha carta do secretario de Estado para Asuntos Europeos, López garrido, que di que coa presidencia da UE por España o ano que vén, terase en conta a realidade do Couto Mixto.

Non se sabe si para o ano os actos da asociación terán lugar no adro da igrexa, onde se reunía o goberno do antigo Couto, nesta capitalidade do mesmo.

Onte, coma sempre, o arcón foi collido na sancristía e levado ante os presentes polos tres Homes de Acordo, das tres parroquias do Couto Mixto, cada un coa súa chave. Soe ser un acto cheo de carga histórica e emotiva. A música púxoa o grupo de cámara Galicia Ensemble.