A tradición viva de Niñodaguia

Agustín Vázquez comparte co seu fillo José o obradoiro de Xunqueira de Ambía e aposta por revitalizar o traballo dos oleiros como fonte de riqueza


Galicia foi durante séculos un espazo privilexiado para un oficio que loita por non desaparecer: o dos oleiros. Gundivós, Buño, Bonxe e Niñodaguia serviron de alicerces para crear unha tradición vencellada á vida rural -as olas e o resto de pezas servían para dar resposta ás necesidades do día a día tanto na casa como no campo- que hoxendía loita por manter a presenza nos mercados adaptándose ás novas demandas, formas e materiais. En Niñodaguia os oleiros van camiño de converterse nunha especie protexida: na patria máis afamada da cerámica en Ourense xa só quedan cinco artesáns e Agustín Vázquez Ferreiro, que comparte obradoiro co seu fillo José Vázquez Vázquez, recita os seus nomes de contado e cun aquel de respeto e amizade -«aquí xa só quedan Aquilino e Agapito Blanco, Enrique e Ramón Cabana Ferreiro e nós os dous, non hai máis»-.

Agustín creceu coas olas e lembra que seu pai e seu tío tamén foron oleiros, nuns tempos «nos que compaxinabas o oficio coa agricultura ou con outros traballos, como o de ferreiro». El foise a Suiza probar sorte pero pouco parou: «Aquilo era o paraíso en canto a como era o país, os servizos que tiñas e todo. Daquela aquí non había nin alcantarillado» e decidiu voltar, era 1973, para Xunqueira de Ambía e facerse oleiro, un oficio que xa fora aprendendo «con 11 anos co señor Juan, que me botaba dicindo que lle ía roubar aos clientes e logo xa me viña buscar para que voltase con el. Eu xa nacín co tema de ser oleiro».

Agustín Vázquez sinala a todo o que pasa polo seu obradoiro que a 100 metros aínda se conservan «os fornos árabes que había aquí e nos que podía cocer todo o mundo», recoñece que o oficio foi esmorecendo «porque os vellos nunca valoraron o noso e preferían que foses calquera cousa antes que oleiro» e lembra que «en tempos traballaban aquí unhas 100 ou 150 persoas na fábrica de cerámica e outras 50 repartidas polos 15 ou 16 obradoiros que había polo pobo. No noso caso chegamos a ser nove traballando».

José Vázquez levábase mal cos libros e deixou os estudios para «implicarme no que tiña na casa». Segundo José «isto ténche que gostar moito, xa que son moitas horas compartindo obradoiro e, no noso caso, discutindo por tonterías ou por cousas que non saen como queremos». Mentras Agustín segue a preparar no torno -«agora son eléctricos pero antes había que estar dándolle ao pe todo o día. Como no caso dos fornos que antes eran de leña e agora xa son de gas ou eléctricos, co cal avanzas moito máis»- as tapas para as tarteiras da queimada e José as xerras para as festas do San Trocado, o fillo recoñece que «ao principio paseino moi mal porque as cousas non saían», aínda que con 8 anos de oficio xa domina o barro coma ninguén e aporta novas propostas e formas para unha cerámica que conserva os seus deseños tradicionais -as pezas de cor amarela con decoración estriada-. Agustín, que se recoñece un perfeccionista, traballa a cerámica tradicional e novos materiais como as pezas con gres, vidro e outros elementos e José salienta que o oficio avanzou moito «e hoxe podes facer o que queiras en cerámica en canto a cores, esmaltes, formatos e deseños». Agustín cre que se está deixando morrer un gran potencial que podería crear moitos postos de traballo coa formación axeitada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

A tradición viva de Niñodaguia