«O do Quin espero que sexa unha ivernación e que non tarde en voltar»

OURENSE

Lonxe de confundir a súa ideoloxía coa verdade absoluta, recapitula e recoñece uns erros que «o BNG non se pode permitir se temos en conta que un escano o cambia todo»

19 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O pasado 22 de novembro xurou o cargo como delegado da Consellería de Cultura acompañado pola ex conselleira Ánxela Bugallo, e o seu predecesor no posto, Xosé Carlos Sierra, pero coa ausencia do socio de goberno socialista que decidiu non asistir. Agora, seis meses despois, e mentres o novo presidente xura o cargo no Parlamento de Galicia, Antonio Blanco, repasa a actualidade da Consellería de Cultura para a que foi delegado, sen esquivar a do seu partido, inmerso nunha época de cambio. Reflexións que fai en frío e confirmando que da derrota do partido «aínda nos queda moito que aprender aos políticos, xa que está claro que o BNG perdeu as eleccións en parte por non coñecer ao pobo galego».

-Tras seis meses no cargo, ¿foi como pensaba?

-Mais ou menos sabía como funcionaba isto por dentro inda que despois veñen os detalles e o día a día, que me coincidiron co fin do ano e o peche do exercicio, ademais da precampaña e campaña.

-¿Corren o risco de desaparecer ou baixar de nivel os eventos culturais da provincia tras o cambio na Xunta?

-Ata agora había unha política moi clara nas areas da música, o audiovisual ou o teatro, onde se estableceu unha rede xa comprometida con diferentes administracións que lle transmitirei ao meu sucesor.

-A cultura de base foi unha prioridade para a súa Consellería, ¿cree que se sentaron os piares?

-O que está claro é que hai que apoiar a xente que crea e que necesita apoio para saír adiante. O que me mosqueou moito, foron as palabras do novo presidente da Xunta, cando dixo que había que pórse a preparar os novos grandes eventos do 2010, algo perigoso se atendemos aos precedentes que hai e que se rexen por unha política de grandes acontecementos que cambiarían o rumbo en vez de apoiar a cultura de base, a súa e creación.

-¿Como valora a proposta cultural do novo presidente da Xunta en campaña?

-Non existiu tal proposta pero se atendemos as pistas que nos dan parece que volveremos aos concertos de Julio Iglesias.

-¿E a proposta do superdelegado?

-Unha pantasmada. Creo que non solo haberá os mesmos delegados que hoxe, senón que ademais haberá cinco mais.

-¿Cales cree que son as motivacións desta iniciativa?

-Esta iniciativa está na liña da dereita de centralizar o poder, xa que se eu son o presidente da Xunta, esta é a mellor maneira de controlar cada provincia, ademais de ser unha plataforma magnifica de recentralizar o poder empezando a centralización a nivel autonómico. Ademais o superdelegado é un medio para alcanzar as alcaldías nas cidades principais de Galicia, onde non gobernan en ningunha.

-¿Supuxo un lastre nas eleccións a política lingüística impulsada pola anterior Xunta?

-Iso é inevitable, agora eu creo sinceramente que no tema da lingua nos quedamos curtos e nin sequera cumprimos a lexislación que, por certo, aprobaron os que agora empezan a gobernar.

-¿Considera que realmente houbo un problema de imposición idiomática?

-O que sucedeu é que se lanzou unha mensaxe moi habilmente dende a oposición creando un problema onde non o había. Eu agora falo coa xente en distintos sectores e escoito repetir dunha forma mimética isto da imposición, algo do que cando pido que se poña un exemplo da suposta imposición, a xente non sabe que contestar.

-¿Prescindir da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, puido ser outro erro de campaña?

-Para min iso foi outro erro importante, xa que prescindes non so da conselleira, falo de toda a súa consellería e durante toda a campaña.

-¿Cree que o BNG gobernou mais coma un partido da dereita que da esquerda?

-Indubidablemente houbo unha marxe de manobra que non permitiu aplicar as políticas que nunca situación hipotética ou ideal o BNG faría.

-Polas súas palabras, ¿parece que o BNG descubriu nestes catro anos a un pobo galego descoñecido anteriormente?

-Estaba convencido que viviamos nun pais mais aberto aos cambios e normalizado, especialmente no caso da xuventude, que é un caso chamativo, xa que por definición se entende que é progresista e hoxe vota a dereita.

-¿Cree que o pobo galego foi inxusto con Anxo Quintana?

-Absolutamente inxusto, sobre todo pola dificultade de atopar unha persoa que o substitúa coa mesma capacidade e visión de futuro que ten o Quin despois de tantos anos de experiencia acumulada.

-¿Pensa que pode regresar como líder do BNG?

-Eu espero que o do Quin sexa unha ivernación e que non tarde en voltar xa que para unha organización coma a nosa é un luxo que non nos podemos permitir perder baixo ningún concepto razoable.