«Se non houbésemos pedido un crédito non teriamos cartos para facer os proxectos»

La Voz

OURENSE

03 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Petín é o cuarto concello que máis débeda acumula da provincia con 508,63 euros de media por habitante. So é superado por Vilariño, Xunqueira de Espadañedo e Os Blancos.

-¿Cal é o motivo desta situación?

-É por unha operación de tesourería porque había que facer un adianto de cartos para o obradoiro de emprego. Ademais hai unha operación de crédito que se fixo hai catro anos e que se está pagando aínda.

-¿Teñen os concellos suficientes ingresos para facer fronte as súas competencias?

-Os servizos sociais tes que pagar unha parte das asistentas e o ADSL temos que poñer o vinte por cento. Hai unha serie de servizos que temos que dar pero que so nos financian en parte e, ademais, as subvencións tardan en chegar e temos que ir adiantando os cartos.

-¿Cambiou en algo a economía do Concello coa crise?

-Como a todos. Ademais os impostos son baixos. Alguén me contaba o outro día que en Barcelona pagaba douscentos euros polo coche e aquí paga menos de cen. Nós estes anos tivemos que financiar bastantes proxectos que ten que pagar o concello.

-¿Son imprescindibles os créditos para o funcionamento dos concellos?

-Se non houbésemos pedido un crédito non teriamos cartos para facer os proxectos. A redacción dos proxectos o normal é que non a financie ninguén, salvo algún da Xunta. Nós sempre tivemos créditos porque facían falta, por exemplo, para o ensanche da carreteira.