Unha historia de película

X. M. R.

OURENSE

Hai 40 anos, un fato de amigos creaba o Cine Clube Carballiño e comezaba daquela un proxecto que canalizou moitas das inquedanzas do sector audiovisual dende as Xociviga

15 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Moitas das historias que conforman a realidade cultural galega naceron de pequenos e revolucionarios proxectos que xurdiron no seu día para reclamar unha parcela de liberdade e de progreso, contra o sistema establecido. Unha desas historias comezaba a escribirse oficialmente, xa que as xestións viñan de meses atrás, o 28 de febreiro de 1969 nun restaurante do parque municipal do Carballiño.

En O Pote asinaban naquela altura os mozos Julio Castro Losada, José María Álvarez Rabanillo, Julio Ángel Marqués Diéguez, Javier Romero Lorenzo, Angelino García Bravo, Eduardo Bernárdez López e Juan Paniagua Mariño a acta de constitución dunha sociedad que tería por finalidade «la proyección de películas cinematográficas en sesiones privadas sin finalidad lucrativa», tentanto conttribuir «al mejoramiento de la cultura cinematográfica, de sus estudios históricos, de su técnica y su arte; así como también perfeccionar su influencia en la formación moral de los espectadores y el estímulo del intercambio cultural cinematográfico». Tamén se contemplaba a organización de actividades musicais.

A finais de maio daquel 1969 comezaban as proxeccións co pase de Fahrenheit 451, de François Truffaut, e unha cuota de 20 pesetas ao mes para facerse socio -preto dos 350 socios se acadaron en pouco tempo-. Obras de John Ford, Orson Welles, Yasuhiro Ozu, Ingmar Bergman, Federico Fellini ou Buñuel foron incluídas nas primeiras proxeccións no Cine Alameda.

Crise e relanzamento

A finais de 1972 o Cine Clube Carballiño viu paralizada a súa actividade pola precaria situación económica e o desánimo dos seus directivos. En febreiro de 1975 rexurdía da man de tres antigos directivos -Álvarez Rabanillo, Eduardo Bernández e Xosé Prada Martínez- e o 17 de abril retomábanse as proxeccións coa comedia francesa Smic, Smac, Smoc, de Claude Lelouch. Francisco de Castro asumiría a presidencia.

Nesta nova etapa xa se poñen en marcha iniciativas que co tempo foron facendo da entidade un referente no mundo audiovisual: o seu boletín e a súa primeira Semana de Cine datan de 1975. En 1978 accedía un novo equipo directivo, presidido por Miguel Anxo Fernández Fernández e o Cine Clube Carballiño experimentaba un relanzamento que o convertía nun dos referentes en Galicia: as semáns de cine sucedéronse ata 1983, precisamente nesa foi onde se propuxo crear unha federación de cine clubes de Galicia -que se constituiría un ano despois en Vilagarcía-, e en 1984 nacían as Xornadas de Cine de Galicia co apoio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Máis adiante pasarían a incorporar o vídeo e rematarían nas actuais Xociviga, Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia.

Do cine galego ás publicacións

Ata 2003, ano no que o Cine Clube Carballiño deixou de organizar proxeccións periódicas e xa só quedou o esquema das Xociviga -actualmente baixo organización do Concello do Carballiño-, a entidade cineclubista desenvolveu proxectos como a aposta polo cine galego (en 1976 xa se pasaron as primeiras películas e curtametraxes), a recuperación de materiais fílmicos, a publicación de monográficos (sobre cine negro, sobre a historia do cine en Galicia, etc), os seus coñecidos ciclos temáticos ou os proxectos en colaboración con outros cineclubes galegos (de xeito preferente co Cine Clube Padre Feixóo, de Ourense).

Na súa última etapa o Cine Clube Carballiño estivo baixo a responsabilidade de Manuel Iglesias Nanín e Pachi Baranda, sendo o seu último presidente Camilo Baranda.