«A fronteira entre literatura xuvenil e adulta é imprecisa»

OURENSE

O escritor limiao presenta o venres en Xinzo a súa última novela titulada «A vida que non é»

31 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Rafael Laso Lorenzo obtivo no ano 2005 o premio Pura e Dora Vázquez de narración. Dende esa data o seu amor pola literatura non parou e escribir converteuse, como el di: «En case un vicio». O día 2 de xaneiro presenta a súa nova novela en Xinzo -súa cidade natal- titulada A vida que non é .

-Fálenos da súa terceira novela.

-Chámase A vida que non é. Xa o título deixa entrever o que vas a ler. É unha historia de personaxes relacionados entre si, cun nexo de unión. Entre eles hai unha muller, un pintor, un crego, un emigrante e un médico. Cada un con a súa historia e todos eles o mesmo tempo con algo en común. Todos teñen unha procura da sorte a través da súa vida e a morte. Hai tamén un barrio maldito no que se desenvolve esa acción e por riba de todo un escritor que é o narrador da historia que está xunguido a todos eses personaxes por un caderno manchado de sangue que agocha unha historia dentro del e tamén por unha casa.

-Unha historia de intriga e misterio.

-E tamén de fantasía, porque ao final no responde a algo concreto desta vida, de aí o título.

-¿A qué tipo de público vai dirixido o libro?

-Sae publicado nunha colección xuvenil, na colección Catavento de Edicións Tambre pero é unha novela para todos os públicos. Hoxendía as fronteiras entre o que é literatura xuvenil e para adultos son máis imprecisas. Por exemplo a novela que gañou o premio Pura e Dora Vázquez non fora escrita no sentido da literatura xuvenil e saíu premiado.

-¿Canto tempo leva escrito e cómo xurdiu a historia?

-A historia xurdiu na miña propia casa, de cousas que ía vendo ao redor. Posto no tempo o libro leva escrito hai dous anos e medio, pero os procesos de edición e publicación son lentos.

-¿Qué número de publicacións súas fai este libro?

-Esta é a terceira novela e en libros teño algunhas cousas colectivas publicadas. Acaba de saír unha colaboración no libro do 800 aniversario da cidade de A Coruña a parte hai unha pequena publicación no Concello de Paradela.

-¿Qué importancia ten para vostede os premios?

-Pois enlazando co premio de Pura e Dora Vázquez teño xa tres. Os premios sirven sobor de todo para darse a coñecer.

-¿Podemos mercar o libro?

-Está nas librerías, empezou a distribución hai quince días.

-¿En qué anda agora?

-Sego a escribir. É un vicio que se colle e non hai maneira de paralo. Ando nunha historia para nenos que está escrita así a propósito porque hai cinco meses que son pai.

-¿Móvese polos impulsos á hora de escribir?

-Si, pero creo que todos os escritores dunha maneira ou doutra movémonos por impulsos.