«Ourense está no último lugar das preocupacións do Goberno central»

OURENSE

O político nacionalista considera que a obriga da institución local é loitar con Fomento para mellorar os trazados do AVE e as autovías a Lugo e a Ponferrada

14 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

De médico a concelleiro. Andrés García Mata naceu no municipio valdeorrés de A Veiga fai cincuenta anos. Entrou como concelleiro da oposición no 2005, substituíndo a Iago Tabarés. Ao asumir a Concellería de Infraestruturas tivo que liberar o seu posto como xefe de servizo no centro de saúde de O Carballiño. | santi m. amil

Unha das concellerías máis visibles na política municipal é a de Infraestruturas. As obras da cidade e o seu avance lle serven ao cidadán para pulsar o ritmo do goberno local. As actuacións desta área son das que máis locen, pero tamén as que están máis expostas ás críticas. Ao fronte dun dos motores do bipartito está Andrés García Mata (A Veiga, 1958) quen aposta por aumentar a presión ante o Goberno central para mellorar tres infraestruturas da cidade que están por definir: as autovías a Lugo (A-56) e a Ponferrada (A-76) e o AVE:

-Os proxectos de Fomento para estas actuacións lle obrigan ao Concello a ir sempre á contra. A proxectos como a entrada da autovía Ourense-Lugo lle faltan un pouco de sentido común, porque crea moito prexuízo para o tráfico da cidade. O mesmo sucede coa autovía de Ponferrada, xa que non se pode desaproveitar a oportunidade de conectar os tres polígonos das aforas da cidade coa A-52, porque sería un despropósito. A maiores está a chegada do AVE cun debate que se xerou fóra da institución municipal, auspiciado polos empresarios, e que logrou que Fomento cambiara de opinión nunha infraestrutura que será determinante para o futuro da cidade.

-¿Cal debe ser o papel do Concello de Ourense nestas demandas?

-As institucións nos debemos de relacionar en pé de igualdade e con franqueza. Se temos que negociar co Estado, a Xunta ou a Deputación o debemos facer de maneira aberta, goberne quen goberne; iso de pedir enchufe para falar con alguén non ten moito sentido. Esa é a liña que seguimos no BNG.

-Pero da a sensación que con Fomento so funciona a vía da confrontación.

-É así, e na cidade temos exemplos moi claros como o caso do acceso centro. Esa situación se da porque Ourense está no último lugar das preocupacións do Goberno central. Por iso, o goberno municipal ten a obriga de por a Ourense na axenda de Madrid.

-¿Cales son as liñas mestras que se marca dende a Concellería de Infraestruturas?

-Nós xa dixemos que había que mudar a estratexia de construír cidade. Por iso apostamos sempre polos barrios e o perímetro rural que levaban moitos sen terse en conta. Parecía que a xente da periferia non vivía en Ourense. Nesa liña chegamos a acordos para facer seis actuacións potentes na Ponte, a Carballeira, O Vinteún, A Inmaculada e a avenida de Zamora.

-Tendo en conta esa política, ¿non foi inoportuno que as primeiras obras de envergadura se fixeran en Bedoya e Paz Nóvoa?

-Iso foi unha casualidade. Se deu así porque senón se perdería unha subvención da Xunta que marcaba o lugar concreto da actuación. Sen embargo, ao longo da lexislatura a xente verá que máis do 80% das obras se farán nos barrios.

-Outra das súas apostas é o transporte público, ¿como está a negociación coa Xunta para o transporte metropolitano?

-A xunta prevé un punto de partida con oito concellos que a nós nos serve de inicio. A principal diferenza está nos puntos de transbordo que a Xunta deseña no centro da cidade. Nós consideramos que é posible que o transporte metropolitano funcione sen necesidade de colapsar o tráfico da cidade. De pouco vale chegar a Ourense dende o Pereiro en dez minutos, se logo se colapsa o tráfico na entrada a Ourense.