«Para facer teatro con nenos o esencial é conseguir que se divirtan porque senón non volven»

OURENSE

30 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O próximo un de outubro vota a andar de novo a Escola Municipal de Teatro Aneis de Xinzo que dirixe o escritor e dinamizador cultural Manuel Fontemoura dende o ano 1996. A iniciativa empezou con sete rapaces e o ano pasado ano reuniu a sesenta participantes.

-¿Cal é a idade mínima para entrar na actividade?

-No grupo de máis pequenos entran dende os tres anos Hai xente que se sorprende de que un neno con tres anos que non sabe ler nin escribir poda facer teatro, pero é que as técnicas que usamos con eles son máis de expresión corporal para que aprendan a comunicarse xestualmente, a mellorar a mobilidade... Despois, según imos avanzando en idade nos grupos infantís, xuvenís e de adultos, imos completando con outro tipo de actividades aplicadas a unha obra concreta que logo representamos.

-¿Atopan madeira de actores en Xinzo?

-O noso obxectivo non é tanto formar actores, nin presionar aos nenos para que memoricen un papel. O principal obxectivo é que os rapaces teñan una actividade coa que o podan pasar ben e ao mesmo tempo melloren en aspectos como o traballo en grupo, que perdan a timidez nalgúns casos e teñan máis facilidade para relacionarse cos demais. E, de paso, inculcar a afección ao mundo da escena, que saiban meterse dentro dun personaxe, adaptalo a eles para representar situacións imaxinarias. O teatro estimula a fantasía pero para facer teatro con nenos o esencial é conseguir que se divirtan porque senón non volven».

-¿Manteñen a mesma cuota de participación?

-Non a movemos dende o principio, que eran mil pesetas e hoxe son seis euros. A verdade é que nos parece unha cantidade axeitada, porque dende que pasamos a ser escola municipal o concello asume os gastos que corresponden a persoal.

-¿Hai continuidade?

-Non todos seguen, e xeralmente hai máis abandonos por parte dos rapaces, sobre todo cando chegan á adolescencia. Pero as rapazas son máis constantes e de feito temos algunhas que levan anos con nós.

-¿Os pais valoran igual a actividade teatral que outras?

-Aos pais gústalles que os rapaces fagan actividades extraescolares, o problema que vexo é que as veces cargamos demasiado aos rapaces con dúas ou tres actividades diarias que practicamente non lles deixan tempo libre para xogar. Penso que o teatro axuda para o desenvolvemento de moitas habilidades, igual que o deporte axuda a outras, pero nalgún caso habería que racionalizar e distribuír as actividades durante a semana.

-Vostede dirixe tamén grupos de maiores na provincia ¿con qué alumnos se sinte máis cómodo?

-Con todos. Para min é vocacional, e ver cómo disfruta á xente, teña oito ou oitenta anos, dáme moita satisfacción. De feito se non fora así non aguantaría os horarios que actualmente teño, porque levo tamén dous grupos en Porqueira, outro en Sandiás, o do Centro Social de Xinzo e tamén o que teñen as mulleres rurais de Sarreaus.