Os novos Xuíces de Honra piden pulo para o Couto Mixto

Jesús Manuel García

OURENSE

27 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Coa música de arpa do grupo Lulavai entraron solemnemente na igrexa de Santiago dos Mixtos os tres novos Xuíces de Honra do Couto Mixto: o deputado Celso Delgado, o Grupo Coren no nome do cal acudiu seu director xeral, Emilio Rial e o conselleiro de presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, no nome do que asistiu a súa delegada provincial en Ourense, Concepción Camiña.

Acomodados no seus postos, dous Homes de Acordo foron buscar, despois do sinal, o arcón histórico do Couto Mixto que se conserva na sancristía. Outra fermosa peza musical adornou ese acto entrañable. O arcón foi aberto coas tres chaves que portan os tres Homes de Acordo deste histórico territorio que foi independente ata o século XIX.

O presidente dos Amigos do Couto Mixto, Luís García Mañá, dixo que o Couto Mixto necesita «peticións de xustiza, non de promesas. Non deixemos morrer o Couto Mixto» engadindo que a igrexa que acolle este acto, que foi o centro relixioso e político do Couto Mixto, «non recibe o trato que merece». Logo fóiselle entregando a cada un dos Xuíces Honorarios o bastón, a réplica da chave do arcón e un diploma. «Estes atributos dan responsabilidade. O Couto Mixto é un lugar que hai que desenvolver. É un modelo que encaixa coa filosofía de Coren de crear riqueza no mundo rural galego», manifestou Emilio Rial. Celso delgado lembrou o debate no Congreso do 29 de maio de 2007 cando se debateu a proposición non de lei, do PSOE, en favor do Couto Mixto, cun engadido de mellora aportado polo PP para un territorio «baseado na democracia, no consenso».