«Verea ten unha das grandes concentracións de mámoas»

Jesús Manuel García

OURENSE

20 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Eduardo Breogán Nieto estivo contratado un ano polo Concello de Verea e un dos cometidos foi facer un inventario do patrimonio cultural local, animado polo anterior alcalde. Onte estreou o ciclo Patrimonio no Medio falándolle ós veciños deste traballo que contén nun cedé no que amosa un tesouro que a historia foi deixando nesta terra.

-¿Estamos nun concello rico en patrimonio?

-Si, o que pasa é que atópase moi pouco explotado. Aquí temos unha das concentracións máis importantes de mámoas de toda Galicia, na zona máis preto de Portugal hai uns oitenta túmulos e algún dos máis grandes de Galicia.

-Aparte do megalitismo, ¿que outros restos artísticos hai?

-Pois ten catro castros e a vía romana secundaria que vén desde o campamento de Bande, que seguía ata Ourense. Hai un xacemento primario de ouro no Monte Oural.

-¿Canto tempo empregou na procura de todos os elementos que aparecen no disco?

-Pateei o municipio todo, logo fixen estudo bibliográfico, falando coa xente, pero levoume algo menos dun ano.

-Este traballo seu de por si é unha guía moi interesante.

-Iso quero facer, explicando mellor cada cousa, que non sexa só unha lista de datos.

-¿Cantas pezas están catalogadas?

-Non o sei con exactitude, porque hai moito e moi descoñecido.

-¿E como se atopa toda esta riqueza cultural?

-Está virxe. Os castros son pequenos pero o aspecto dos megálitos cecais sexa o máis destacado do concello. Na zona portuguesa esta riqueza curiosamente atópase escavada e investigada. Disto dedúcese que esta zona e a Baixa Limia tivo que ser moi habitada desde sempre.

-¿A xente de Verea está concienciada con estas cousas?

-Máis ou menos sabe que na súa finca pode ter un castro ou outra cousa. Pero chama a atención que moita xente nova con certos estudos ou non tantos valora moito isto que herdamos e que ve que non se explota. Saben apreciar o patrimonio cultural.

-¿Cantos castros hai neste termo municipal?

-Verea ten catro castros que son os de Outeiro, Santa María, San Vicente e os denominados Castros da Cividá. Eu fixen unha descrición de cada un aportando a súa localización mediante un mapa xeográfico. Este municipio non foi moi alleo á presenza de Roma e así se reflicte no camiño romano medieval ou estrada vella, que era unha vía romana secundaria posiblemente utilizada moito antes da invasión. Fago unha completa descrición do tramo local.

-E non faltan tampouco os foxos do lobo, construcións da sabedoría popular, neste seu traballo.

-Neste traballo que fixen cítanse os brasóns con que conta Verea e os foxos do lobo, interesantes construcións para cazar este animal. En canto ós escudos, a guía menciona os de Sabucedo, dúas pezas labradas en sillares de sesenta centímetros de lado. Os foxos do lobo están nos pobos de Bangueses e en Portela, en mellor estado que o primeiro. O foxo dispón dun recinto circular, un foso, no que o lobo caía tras avanzar por un corredor cercado con muros de pedra que se van estreitando ata confluír no círculo do pozo.